Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

A conxura dos necios (substrato galaico)

17:24 14/10/2009

Se a grandeza dun home se mide polo nivel dos seus inimigos, eu debo ser un ser case intrascendente nunha sociedade na que a liberdade de expresión e o compromiso coas túas ideas pode levar a ser atacado furibundamente por mentes obtusas obsesionadas con todo aquelo que non concorde coa súa concepción unívoca do estado das cousas.

Que queren que lles diga? Por unha vez permítanme a licenza de dicir, que ese tipo de afirmacións (nazi, ignorante, etc...) póñenme “cachondo”. O caldo de cultivo para os continuos ataques dende a ultradereita a todo aquelo que sexa promocionar o idioma nai desta terra, é o triste convencemento da inferioridade do galego (algúns chégano a cualificar de dialecto) con respecto ao grande idioma da nación española chamado castelán, máis coñecido como “español”, por algúns nostálxicos das épocas nas que realmente existían unha imposición, e non só do idioma. Os talibáns pro castelán monolingüistas difrazados de defensores da liberdade de elección, son capaces ata de cuestionar principios aparentemente irrefutables da física como o de Arquímedes, porque en realidade teño o convencemento que eles desprazan moito máis do que en realidade pesan, e como dicía Ortega, os tópicos son unha verdade balorenta, pero unha verdade...

Así pois como unha especie de Ignatius J. Reilly, debo parecerlles un ser inadaptado e anacrónico, cunha moral que non comparten e desprezan polo mero feito de non pensar coma eles. Un individuo que gusta que a capital coruñesa teña o nome d' A Coruña e ademais non considera a Millán Astray “un coruñés de pro”, debe ser alguén apartado da sociedade polas súas ideas revolucionarias e pola súa “deriva ideolóxica”. Isto de vivir para algúns subido na nora do compromiso galeguista e do ataque a determinados sectores en teoría próximos ao teu partido, ten que rematar algún día. Probablemente sexa o día no que vexa que tódolos avances nos dereitos da cultura do ancestral pobo galego sexan ninguneados por aqueles que mandan, e aos que a Historia sen dúbida terá que pasar factura; e aínda que as miñas conviccións son fortes, tampouco é cuestión de ser o “anano máis alto do mundo”.

De calquera xeito, eu animo a todo galego de ben a comprometerse coa nosa cultura ameazada polas “pseudoelites”, e a manifestarse dunha maneira positivista en Compostela o próximo día 18 convocados pola plataforma irmá dos “prolingüeiros” Queremos Galego, en defensa do noso idioma e a nosa identidade como pobo, PESE A QUEN PESE.

*Hoxe só un apuntamento:

-O meu absoluto apoio, sen titubeos nin fisuras a Paula Fernández, alcaldesa socialista de Silleda, polo espectáculo pouco edificante que o seu pobo está a sufrir por orden de determinados “poderes fácticos” que deberían por hixiene democrática deixar de selo.

*Rafael Cuíña é membro de Prolingua

4,8/5 (151 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións