Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Unha de débedas historicas

09:28 25/03/2009

Se Don Quixote fose galego, non tería feito a segunda saida.

(Alfonso Daniel Rodríguez Castelao)

Estarán dacordo vostedes comigo, cando afirmo da complexidade de falar da débeda histórica do Estado con Galicia, sen caer nun puntiño demagóxico ao mesmo tempo que se fai unha reivindicación máis que xusta para esta terra.

Como dicía Ramón Piñeiro, é ben certo que o galego ten tendencia ao ensimismamento, e a unha certa pasividade defensiva no tocante á defensa dos seus dereitos como pobo e ao seu status dentro do Estado español. A marxinación secular que estas terras sufriron por parte de todos aqueles que nos consideraban un pobo menor, afastado dos cenáculos do poder influinte das Españas e sen valor estratéxico pola nosa situación periférica, segue, nalgunha medida, de triste actualidade, cando observamos que sen ningún tipo de pudor, consideran dende a “Villa y Corte”, que outros pobos sí teñen dereito ao que con reiteración nos negan aos galegos.

A ministra galega Elena Salgado –vendo como actúa o de galega é anecdótico- vén de afirmar que o recoñecemento da débeda histórica a Andalucia é unha situación na que non se dá un caso similar en España. Sen dúbida Galicia sempre foi unha rexión “privilexiada” en canto ao investimento en infraestruturas de conexión coa meseta, por non falar da absoluta “prioridade” que os diferentes gobernos estatais déronlle aos nosos camiños de ferro, sobre os que xa teimaba  Castelao na 2º República, ou esos “progresos” na infraestrutura sanitaria dos que os galegos estamos tan “orgullosos”, por non falar do “apoio sen desmaio” do Estado ao noso tecido industrial, “facilitando” todo o que estea nas súas “xenerosas” mans as posibilidades de fortalecemento e competitividade da nosa industria pesqueira a pesares de ser moi “insignificante” dentro da Unión Europea, e a “defensa numantina” dos nosos gandeiros axundando a establecer un “moi rendible” prezo do leite

Demasiada ironía e demasiadas verbas de denuncia con comiñas. Mentres os gobernos socialistas viviron obsesionados cos investimentos na terra Andalusi, e os de Aznar o fixeron cara o levante español, os galegos dende antes dos tempos dese “galego exemplar” con esta terra que foi o Xeneral Franco (por Bonaval non o veredes Deus mediante), seguimos a debater sobre a cuantía da débeda e o momento de facela efectiva. Afimar que algún goberno galego tivo interese real nela, sería negar a realidade. Acudindo á hemeroteca “googleiana”, atopa un como as diferentes forzas sí teiman no asunto, mais sempre e cando non estean no poder, momento no que por arte de maxia, ou mais ben de desconsideración con Galicia, esta prioridade pasa a segundo plano, ata máis ver. Ante unha crise como a que temos, e a posibilidade dunha nova emigración masiva dos nosos traballadores cara outras terras, como en tantas e tantas ocasións na nosa historia, o novo goberno ten que reclamar con firmeza o pago da débeda como compensación ao noso déficit de desenvolvemento e exixir que se destine máis do 7% dos presupostos do Estado para poder modernizar o noso tecido empresarial, agro e comunicacións como ferramentas fundamentais para poder competiren no futuro cos pobos máis desenvolvidos de España e de Europa.

Leía nun noxento artigo  dun “fenómeno” chamado José Cavero, no que falaba nuns termos moi “comprensivos” para esta terra, sobre a necesidade que tiña Feijoo de acudir a “fiestra báltica”, para reclamar a débeda histórica, porque de alí procedían os suevos. Sen dúbida, é unha mentalidade máis que arraigada no centralismo casposo que algúns teñen, que non debe quedar sen resposta axeitada e enérxica de quen corresponda, mais nesto non teño moitas esperanzas.

Pero existen outro tipo de débedas históricas que comenzan a contabilizarse dende xa. Serán as que teñan todos aqueles que permitan o exterminio da lingua da nosa terra, será impagable e imperdonable, e acuso directamente a todos aqueles que estean tentados de seguir as teses dos taxidermistas do galego, esos creadores de güetos lingüisticos máis coñecidos como Galicia Bilingüe, fronte aos que estaremos moitos dispostos a defender na medida das nosas posibilidades a nosa cultura. Esa débeda histórica non a perdoaremos nunca. Poden ameazar con fiscalizar a Feijoo (que manda c…) ou facer o que queiran, pero todos aqueles que non deixan desenvolver o potencial desta terra son inimigos dela

Quenes son os inimigos de Galicia pois? Ás veces non me estrana que tonto fose sinónimo de galego.

Pois iso, que demasiada frustración entre comiñas.

Ou non…?

4,38/5 (60 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións