Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

De adiantos electorais, ética e outras teimas (II)

17:50 28/08/2008

Falou o oráculo socialista, e dixo que non teremos adianto. Unha decisión axeitada, eticamente correcta, e sen dúbida o que lle convén ao país en tempos de crise.

No anterior artigo puxen todo esto en "standby" ante as dúbidas e rumores que percorrían a xeografía galega, con máis ou menos tino, pero sempre expectantes ante unha decisión que non era precisamente unha calquera, senón a de convocar ao pobo galego a uns comicios por intereses dunha forza política fronte aos de Galicia. Touriño demostra un interesante grao de independecia con respecto a Madrid -léase Pepe Blanco- que fai que, aínda que non provoque o entusiasmo de Barack Obama, o seu partido en Galicia e a militancia poidan estar orgullosos del.

A decisión tamén estou seguro que gustou nos cuarteis xerais tanto do BNG como do PPdeG. Os primeiros porque pensan que terán máis tempo para poder vender políticamente os beneficios para a nosa terra do chamado "concurso eólico", comandado polo mellor conselleiro da Xunta bipartita como é Fernando Blanco, sen dúbida o gran erro de cálculo do PSdeG á hora da negociación de consellarías; e os segundos para poder afianzar o seu renovado proxecto, e a súa volta ás orixes galeguistas (créanme que así mo contan importantes dirixentes do PPdeG) aínda que iso cóstame crelo, non porque non o pretenda o seu líder, que cónstame que sí, senon polos cadros intermedios do partido en xeral (vostedes xa me entenden). O que non me gustaría crer é que algún partido –exceptuemos o PSdeG- tivera a vil esperanza de que unha crise económica máis profunda puidese beneficialo electoralmente cando os comicios sexan finalmente convocados. E o PSdeG, pola súa parte, a coller novos folgos para facer uns bos presupostos, rematar co tema dos camiños de ferro e o fundamental financiamento autonómico, ademáis daquel tema que se comenzou a tratar, semella que hai varias "centurias", como é o novo Estatuto para Galicia.

O BNG terá tempo tamén de mellorar a imaxe do seu líder nas cidades, nas que os estrategas da organización frentista pensan que non remata de asentarse a imaxe de Quintana coma un gran líder polo noxento argumento de vir dun concello rural como é Allariz (de qué me soa a min unha historia similar noutro partido), non así no rural galego, no que semella tela moito mellor, romerías mediante.

O peor vai ser a precampaña, que dende xa comeza, na que o BNG acusa ao goberno socialista central de roubar Galicia o PSdeG arremetendo contra a política social da Vicepresidencia da Xunta e o PPdeG, por suposto, contra todo o que se mova.

Supoño que este modesto artigo unha vez máis non gustará á xente de comunicación do PPdeG grandes seguidores desta humilde columna cando lle dea os meus sinceros parabéns a Touriño pola súa coherente decisión, mais neste caso teño que recoñecer que, salvando as distancias, o Presidente galego foi como Bismark cando decía que "o político pensa na próxima elección e o estadista na próxima xeneración", aínda que eu sempre me quedarei co eterno Borges cando albiscaba no horizonte que co tempo “mereceremos non ter goberno”…

Ou non?


PD: e que tal unha declaración institucional de “persoa non grata” para o premio príncipe de Asturias George Steiner?

4,13/5 (39 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións