Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Unha de triste ironía

09:30 11/03/2009

O certo é que a pesares dalgún comentario que chega aos meus oídos, non pretendo nin moitísimo menos ser un “apóstolo” do galeguismo, nin nada que se asemelle. Simplemente un cidadán galego e galeguista que ofrece ao lector deste diario dixital a súa máis que discutible opinión sobre temas que afectan a nosa terra, cun posicionamento ideolóxico o menos viciado posible pola súa militancia nunha organización política coa que de sempre fun especialmente crítico.

E dentro desa actitude crítica, o son especialmente con toda a demagoxia relacionada co ensino do idioma nai desta terra que é o galego. Vou tentar centrarme moito máis nas reaccións da xente da rúa coma min, que nas xa moi manidas dos diferentes partidos políticos, das súas guerras e dos en ocasións, –máis das que son desexables-, seus bastardos intereses político-persoais. Estaba decidido a escribir este artigo en castelán como demostración da normalidade que na miña vida cotiá ten o uso das leinguas cooficiais de Galicia, mais diferentes conversas con persoas de todo tipo de pelaxe, fixéronme mudar de idea.

-¿Sabes que estos del bloque quieren llamar ahora al teléfono “escoitófono”? –observo perplexo semellante mamarrachada de afirmación.

-Eso no es nada, las matemáticas en gallego son de coña, quieren que se diga tres “al caldeiro” en lugar de “al cubo” ¿a dónde iremos a parar? – xa comenza a miña indignación…

Un terceiro afima: “el gallego está muy bien para los días que vamos a la feria a comer el pulpiño” –dito cunha condescendencia cara o noso idioma que a punto están de provocarme proidos. “El gallego es absurdo porque en treinta años sólo se hablará el Inglés, el chino y el castellano”, afirma rotundamente outro.  E todos estes comentarios proveñen de xente en teoría normal, formada, e como diría o outro “viaxada”. Realmente está a sociedade galega en gran parte enferma, ou en realidade estouno eu?, é normal que me provoque irritación oír nomes de pobos en castelán como Rajó, Sangenjo, “La” Coruña, e moitos outros saltándose a legalidade impunemente?, por que teño que resignarme a tal afrenta?

Cando era cativo e cursaba a antiga E.X.B (perdon E.G.B. para os puristas), tiven a gran sorte de recibir as clases de galego…en castelán!!, pode existir unha miseria maior?. Sempre lembro a meu pai contando como o miraban por riba do ombreiro por vir da aldea ao pobo falando no seu idioma nai, é dicir, o galego, mentres os señoritos falaban un “castellano impecable” (póñanlle a isto último acento de Paco Vázquez).

Nunha sociedade medianamente normal, estaríamos todos cun inmenso orgullo de ter unha lingua propia, unha cultura propia que ao mesmo tempo que nos diferencia como pobo consegue ser complementaria e non excluinte. O que observo con este tema nas nosas cidades é francamente -nunca mellor dito- para min preocupante. É marxinal o número de persoas que coñezo que falen galego en Vigo, A Coruña, ou Ferrol, e felizmente baixa moito esa porcentaxe na capital do país. Por que estes complexos co idioma? Realmente alguén pensa que partimos cunha posición de inferioridade por defender unha lingua que corre o risco de ser marxinal se non a coidamos? Que queremos para os nosos fillos, a mesma educación que poderían darlle en Andalucía na que non teñen idioma propio? Por que ninguén discute a necesidade de coñecer a historia e os nomes dos reis godos, e non entende que algúns queremos saber ademáis a historia de Galicia cando foi reino e habitaban por estes lares os suevos?

-No teu partido non tiña moito predicamento aquilo de “Galicia nai e señora”? -Pregúntame un amigo do Bloque.

-Pois sí, mais algúns seguiremos modestamente loitando para que ninguén mude esa frase por “Galicia orfa e meretriz”, dígolle con calculada resignación.


-“La culpa es del título VIII de la Constitución”-dí un co peito enchido de razón.

-“Tes razón, para qué tantos títulos na Constitución se chegaba cun só, non? –contéstolle.

Do que estou seguro e que moita xente galegofalante do PPdeG e do PSdeG non estaría dacordo se alguén se propuxera o exterminio da lingua de Rosalía, porque senón o que me queda e chamar ao meu amigo Sucasas, coller os nosos “Barreiros”, e marchar cara non sei donde…

Ou non…?

4,44/5 (88 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións