Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

25 de Xullo: Estatuto para o país en que vivimos

09:30 22/07/2009

Probablemente non exista na nosa terra unha data mellor para falar do momento no que estamos, e o que é aínda máis importante, cara onde imos, que a semana do 25 de xullo. É complicado citar argumentos que outros non fixeran xa, referentes ao día da Patria galega –concepto que comparto- ou o día de Galicia. Tamén temos, como non, aqueles que lexitimamente celebran o día de Santiago apóstolo, patrón de tódalas Españas.

En Galicia vivimos un momento difícil de analizar dende un punto de vista político. Por un lado un goberno que cae no erro constante de pensar que a súa maioría absoluta o lexitima para tomar case calquera decisión, e unha oposición aínda noqueada polo resultado electoral do 1 de Marzo, pasados xa os 100 días de rigor que de forma tácita ten un novo goberno para poñer a punto os seus engrenaxes.

Probablemente nin o goberno pense que ten “carta branca” para facer o que queira, nin a oposición estea tan tocada, é máis, algunhas iniciativas de futuro dentro do nacionalismo galego como é o caso de “Mais BNG”, os movementos de xente nova do PSdeG constituíndo unha corrente galeguista dentro da formación socialista comandados por Iván Vaqueiro, ou o berce dun interesante proxecto de futuro como pode ser a Converxencia Nacionalista Galega, fan pensar que algo estase a mover na nosa clase política dentro da estrutura das súas formacións.

É quizais o momento de sentarse a falar todos dun tema tan importante como é a posibilidade de ter un novo e máis amplo marco competencial estatutario que poña a esta terra en condicións de igualdade co resto dos pobos do Estado. Un novo texto no que dende o consenso queden marcadas as pautas necesarias para unha negociación como o chamado “financiamento autonómico”, na que pobos como o Catalán demostran –e isto dígoo con envexa- que os seus políticos xogan na primeira división no debate económico co Estado, mentres os galegos temos que sufrir que o noso Presidente chegue a un acordo co Vicepresidente Chaves e días despois a Vicepresidenta galega (¿?) Salgado o bote todo por terra. Non entendo que se consideramos a cantidade que se lle dá a Galicia insuficiente, poidamos absternos na votación correspondente, en troques de facelo en contra, ao non cumprirse as expectativas do noso país nesta materia. Para Feijoo aceptar isto é “rexeitamento intelixente”, para min o intelixente sería simplemente rexeitalo... e seguir negociando, aínda que o que me preocupa é coincidir neste pensamento con Esperanza Aguirre.. Será un día no que moitos estarán nas rúas defendendo a nosa condición de pobo diferenciado, atento a todo aquilo que dane os nosos sinais de identidade, disposto a combater dende o orgullo pola nosa lingua, polo noso sector gandeiro, polos intereses dos produtos nados nesta bendita terra, con xentes da nosa cultura comprometidas con todo aquelo que nos autoidentifica, para sermos un pobo con capacidade para decidir en función dos nosos intereses, e non depender dos desexos de políticos madrileños “enmoquetados”. É o momento de loitar por Galicia por riba dos bastardos intereses partidarios de irreflexivos políticos ao servizo dos ventos máis favorables do momento para os seus mesquiños intereses.

Cando escribo estas liñas chégame a nova do paso adiante dado polo PSdeG instando á reforma inmediata do Estatuto, fuxindo dos debates “nominalistas” en clara referencia ao BNG. Lémbrolle a Pachi Vázquez que Galicia en cuestións identitarias non é precisamente Albacete, e aos que non nos dá medo o termo “nazón” para designala, senón todo o contrario, non nos vale con calquera denominación con tal de ter contentos a Zapatero e Rajoy. O novo Estatuto non pode ser como aquelas persoas que se apuntan ao ximnasio o mes de setembro van un mes e non volven. Ten que ser convenientemente estudado, chegando ao máximo teito constitucional para uns, ou á famosa “fronteira da autodeterminación, para outros, e representar á práctica totalidade dos galegos, porque do contrario estará condenado de saída ao fracaso máis estrepitoso.

Xa sexa na praza da Quintana, en Rianxo ou en Santo Domingo de Bonaval, será un día para manifestar que os galegos estamos sempre dispostos a apoiar a todos aqueles que queiran aportar á nosa cultura, e a enfrontarnos con firmeza aos que dende a ignorancia pensen que a nosa lingua debe ter un rango menor que a do Estado, e que o “bilingüismo harmónico” en realidade só afecta a todo aquelo que non sexa beneficioso para o castelán e mire cara a outro lado cando o prexudicado sexa o idioma nai desta terra.

Ou non?

Buxo, Beleza e liberdade.


Uns apuntamentos:

-Os meus mellores desexos para Carlos Aymerich e “Máis BNG”.

-Se deixan traballar con liberdade a Anxo Lorenzo será beneficioso para o novo decreto do galego.

-Se non deixan traballar con liberdade a Anxo Lorenzo, o decreto do galego tristemente será un “arma” de gran tensión social.

-Gustoume a idea da medalla de ouro de Galicia aos ex presidentes, en comparación coas habitualmente prostituídas medallas Castelao.

-A próxima semana activarase “prolingua”, proxecto ao que agardo que se sumen tódolos galegos de ben que amen esta terra.

4,57/5 (107 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións