Non me negarán que non é un título atrainte para un artigo en Vieiros…
As declaracións do ex presidente Aznar sobre a situación da economía no Estado, e a convicción do seu coñecemento para poder saír desta devastadora crise, fanme replantexar o meu pensamento sobre o político castelán, comenzando a consideralo como a derradeira esperanza de occidente no tocante ás posibilidades de saída pronta desta recesión global.
En sectores do Partido Popular –cada vez menos-, Aznar ten o mesmo grado de infalibilidade que o Papa de Roma, os seus discursos dende a súa atalaia da fundación FAES, -como ben é coñecido un think thank de “centro reformista”-, ou dende algunha Universidade americana, son seguidos con expectación tanto polos máximos responsables da reserva federal americana, como polos do FMI, ante a clarividencia das súas análises económicas e as súas máxicas solucións, aínda por desvelar.
Quizais no umbral potencial dos cinco millóns de parados ao final do ano e cos estudos serios por parte de organizacións independentes que falan para o 2010 do 22,5% de paro no estado español, e uns niveis de crecemento que segundo informes que teñen as grandes construtoras do país non serán superiores ao 2% -momento no que se xenera emprego- probablemente ata o 2014, a solución sexa reducir as liberdades democráticas e dar o timón da nave a deriva ao ex presidente do goberno, ao modo dese gran temoeiro que foi Mao, e agardar a que esa iluminación poida conquerir para occidente o que as medidas do G-20 non pode, e as accións dos gobernos inxectando liquidez ás economías tampouco. Aznar pódese enfrontar a todo elo, xa que non é a primeira recesión a que faría fronte por culpa dos malvados gobernos de centro esquerda a nivel global, que non tiveron a valentía de facer as reformas estruturais que as nosas economías precisan no seu momento, véndonos obrigados a entregarnos agora á sabiduría neocon, dun home chamado a marcar de novo historia no eido económico para lembranza e estudo de próximas xeracións.
Non fai falla un pacto de Estado nesta situación, para que?, só un millón de familias teñen a tódolos seus membros no paro, polo tanto non esaxeremos, e ademais o goberno socialista está tomando medidas “efectivas” para frear o crecemento xeométrico do paro cun “gran resultado”, co que deixémonos de alarmar que no fondo a cousa pinta moi ben, e a ausencia de ego na nosa clase política con seguridade vai conseguir que se unan xunto coa patronal e os sindicatos, nesa causa común que é a saída desta crise. A “impecable” xestión socialista, a “responsable” oposición popular, e a “loitadora” acción sindical van camiño de “conquerilo”. Grazas a Deus estamos nas mans que merecemos.
Sempre nos quedará o múltiplo keynesiano.
Que mal me sentan as ceas copiosas...
Ou non?
Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).