Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Entroido, cocido e …eleccións

20:00 18/12/2008

Falou o oráculo socialista e finalmente confirmou o Presidente da Xunta o adiantado polo xornal El País (Quén filtra estas cousas? É ético facelo?). Teremos eleccións o primeiro de marzo do ano que pronto comeza, despois da aprobación das contas públicas para o próximo exercicio, ao meu modo de entender cunha alta probabilidade de non seren axustadas á realidade económica galega; non por incapacidade de quen as fai, senón polas continuas revisións á baixa de tódalas previsións económicas que fan organismos de todo tipo. Non coñecemos se teremos na nosa terra crecemento, recesión, deflación…

O que sí se puido comprobar é que eran as contas cara un ano electoral, sempre de especial trascendencia e ao mesmo tempo de gran tensión no debate parlamentario, no que o goberno non tivo a ben atender ningunha das case 900 enmendas que o grupo popular fixo aos orzamentos. E digo eu que aínda que fose por pura estatística, algunha seguramente podería ser de interese para o país, ou non…

Preséntase unha campaña electoral interesante, auguro que moi tensa, e cun debate centrado na complicada situación económica na que nos atopamos, que coincidirá cun período de festa e troula como é o entroido galego, no que a cidadanía sacaralle moito xugo con toda seguridade. Xa me imaxino na  plaza da Picota en Laza a baixada da morena arrasando con calquera cartel electoral que atope, ou nos desfiles de Verín e  Xinzo ás xentes caricaturizando aos nosos políticos, por non falar do agudo enxeño das coplas de don carnal do Grove, ou o xa famoso Santo Torrisco lalinense, no que os máis e os menos critican canto é criticable, e este ano de eleccións van ter material dabondo para facelo. A “Feira do Cocido” será tamén en tempo de eleccións, e mais de un mirará con lupa quen asiste, se alguén quere facer utilización política, ou como pode influir no voto da xente, cando en realidade o que a cidadanía quere é comer ben, ver unhas carrozas divertidas e escoitar un pregón que lles faga pasar un bo anaco sen máis. Como sempre o pobo vai diante dos seus políticos.

Tempo teremos para a análise política de como foi a lexislatura que agora remata, e como se presenta a que vén. Tiven neste tempo a oportunidade de ir a conferencias de Quintana, á proclamación de Feijoo, e ata actos de fundacións do PSdeG, nas que un se vai facendo unha certa composición de lugar de por donde van a ir as cousas. Será unha campaña a cara de can, na que os datos internos do PP din que teñen unha oportunidade, os do BNG que medrarán en Lugo e Ourense a costa do PP (os máis optimistas falan de catro escanos máis), e os do PSdeG, como non son amigo das fanfarronadas, sinceramente non os coñezo, aínda que cheiro que non albiscan xa o seu obxectivo de ser a primeira forza de Galicia, nin moitísimo menos.

Pediría ás nosa forzas políticas responsabilidade, coherencia e máis que nunca compromiso co país, pero de verdade, non por interese electoral. E tamén recordar á nosa clase política en tempo de eleccións, aquela frase de Castelao na que falaba de que o verdadeiro heroísmo consiste en converter os soños en realidades e as ideas en feitos.

Ou non…?

4,26/5 (84 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións