“A política é o arte de buscar problemas, atopalos, facer un diagnóstico falso e aplicar despois os remedios equivocados”
(Groucho Marx)
Unha vez rematada xa a conmemoración do 12 de outubro, día dá hispanidade, podemos falar dás polémicas xeradas polo seu significado político e da dobre moral a este respecto dalgúns dos nosos políticos de todo signo.
O inaudito vídeo deseñado polo Partido Popular no que o seu líder convida a “celebrar su Fiesta Nacional y a que honren a su bandera”(sic) é un episodio máis da perversa utilización dos símbolos por parte dos partidos políticos. Sen dúbida unha nova equivocación dun partido obsesionado cunha idea de España que é excluínte para todos aqueles que non pensan como eles, independentemente da súa ideoloxía ou condición social. O nacionalismo español – termo de moda en toda aquela tertulia que se precie- tenta, liderado polas teses dos conservadores , introducir elementos de confrontación na sociedade, mais estes dependen moito do enfoque que se lles de, xa sexa dende unha visión centralista do Estado, que sen dúbida o PSOE comparte, ou dende o punto de vista das filiais dos seus partidos en Galicia, momento no que os argumentos válidos a nivel estatal, deixan de selo cando se aplican ao noso país.
A defensa numantina dá bandeira española, dunha letra para o himno español, o cumprimento estrito das disposicións constitucionais neste senso, e o enfrontamento con calquera derivación do que eles chaman “estrita legalidade” choca frontalmente coa deixadez polo aprendizaxe do himno galego, dá súa ensinanza e o seu intento de marxinalo por omisión ante o castelán e o inglés. Precisamente nun momento alarmante para a nosa lingua e polo tanto para a nosa cultura, como reflexa o terrorífico resultado do estudo sociolinguístico da mesa pola normalización lingüística do galego cando afirma que a nosa lingua «está na peor situación da súa historia», o cal non xerará grandes desvelos ás hostes populares identificadas co PP chamémoslle sección “monte do gozo” –os famosos birretes-, e non tanto coas que o fan co “monte faro” –os non menos afamados boinas- (dúas concepcións diametralmente distintas de partido)
Hai uns días o ex ministro socialista José Bono, falaba da imposibilidade tácita de que un socialista puidera ser nacionalista, “é coma se un cura fose ateo” (sic), unha afirmación que sen dúbida é axeitada dende un punto de vista ideolóxico do que é a socialdemocracia, mais a frase de Bono levaba unha carga de profundidade moito maior, e sen dúbida ía dirixida a aqueles grupúsculos socialistas instalados na ambigüidade en función da transcendencia electoral que puidese ter unha visión centralista ou non da política e por tanto da utilización, segundo conveña dos símbolos.
Así mesmo o BNG non queda atrás en dita utilización dos símbolos, neste caso da bandeira galega coa estrela vermella dende os anos 60 por imposición das mentes pensantes da UPG. Fai uns días falaba do necesario apoio a Quintana fronte aos ataques madrileños aos símbolos do país, mais poucas datas despois facía afirmacións ambiguas cando se lle cuestionaba pola non presenza da bandeira constitucional española en algúns concellos tanto de Galicia como do resto do estado español, no senso de non ser necesario darlle demasiada relevancia a este tipo de cuestións, cunha evidente de novo dobre moral, que fai que a sociedade en ocasións se cuestione que clase de políticos eliximos nas urnas.
Eu pregúntome quen está lexitimado para dar carnés de galeguidade, españolidade ou non. Dende logo unha sociedade para medrar e convivir debe facelo dende o respecto, i este inclúe, como non, aos seus símbolos, os seus sinais de identidade, independentemente que algúns sintamos especialmente os galegos ademais de respectar aos españois.
Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).