“O maior castigo para os que non se interesan pola política é que serán gobernados por persoas que sí se interesan”
Toynbee
Poucos días despois do comenzo dun novo período de sesións no Parlamento Galego, teño a impresión de que os nosos políticos están máis preocupados polas súas batalliñas persoais cara as eleccións xerais que por gobernar (ou seren oposición, según o caso) o noso País.
Temas como o futuro Estatuto de Autonomía, as concesións de parques eólicos, os temas urbanísticos, a creación de áreas metropolitanas carentes de competencias e contido, o futuro das Deputacións, a crise que o tema de Reganosa provoca na comarca de Ferrolterra, a finalidade da cidade da cultura, as demandas de transferencias de novas competencias a Galicia, a modernización dos camiños de ferro e un largo etcétera seguen a ser temas secundarios, cando en realidade deberían ser o centro de atención e debate da nosa sociedade, e dos nosos representantes políticos.
O pistoletazo de saída que foron as municipais cara as eleccións xerais, provoca que o mundo político galego, despois do período estival, se mergulle de novo na contenda política, obsesionado coas cuotas de poder que en Madrid poden acadar as filiais galegas tanto do PSdeG como do PPde ¿G?.
Antón Losada e "a navalla de Occan"
O PSdeG é consciente da necesidade dunha victoria socialista a nivel estatal que reforze a posición e o compromiso, cunha Xunta ideoloxicamente afín á que un goberno amigo do Estado, poida reforzar naquelas reformas que a sociedade galega necesita para poderen ser competitivos cos demáis pobos do estado español, e de Europa. Metido nunha sorprendente dinámica de enfrontamentos constantes cos seus aliados de goberno, o executivo de Touriño transmite unha imáxe de inestabilidade polas constantes liortas entre cargos do PSdeG e do BNG, que non axudan precisamente a ilusionar á cidadanía cun proxecto críble, que poida transmitirse á sociedade. Os enfrontamentos entre Mendez Romeu e Encarna Otero, entre Antón Losada (D.E.P, políticamente falando) e o resto do hemisferio norte, entre as consellerías de Política territorial e a de Vivenda, entre as agrupacións locais de ambos partidos nunha chea de concellos da nosa Terra, a polémica sobre o Himno e a súa ensinanza, etc… faille un fraco favor a este goberno cuxos membros se miran de reollo en cada Consello. Agora din, mediada a lexislatura, que non van ter máis enfrontamentos, e comenzan por unha decisión meditada fai tempo como foi o cese (coa maquillaxe de “demisión por motivos persoais” de Losada, asunto no que o bipartito aplicou aquella vella teoría da “Navalla de Occan” cando decía que en igualdade de condicións a solución máis sinxela é probablemente a correcta, neste caso foi largar a Antoniño, e cortar de raíz co problema que separaba aos socios do goberno bipartito.
Curioso é tamén oir falar a Touriño ex cáhtedra de infraestructuras, dando presuntas leccións a Feijoo, cando foi o galego da etapa democrática con máis posibilidades de axudar a Galicia nesa materia sendo secretario xeral de infraestructuras, e mirou cara o sur. ¿É esa a traición da que falaba vostede, señor Presidente? ¿ou este tema non lle interesa?. ¿E as súas diatribas sobre a independencia da televisión pública galega? ¿segue a pensar o mesmo tras oir a Losada coa súa conversa-coacción a un xornalista da canle pública?
O BNG teme, sen dúbida, que as eleccións xeráis poidan supoñer un descalabro electoral, ao meu modo de entender inxusto, pola bipolarización do voto entre os partidos estatais que fai recordar aquel vello concepto fraguiano do “voto útil”, que faga que o PSOE aproveite o potencial voto nacionalista de esquerdas para facer fronte a un PP radicalizado según moitos sectores da nosa sociedade. En definiva, o vello soño dos políticos liberais do sistema bipartidista ao máis puro estilo británico (conservadores e laboristas) ou o máis recente norteamericán (Republicanos e demócratas), que en Galicia/Galiza sería unha pésima nova, pois temos unha arraigada sensibilidade galeguista que agora mesmo non teñen os partidos estatais.
O futuro de Quintana e Feijoo
Sen dúbida Galicia/Galiza, necesita un BNG forte que represente unha importantísima parte da sociedade galega no Congreso dos Deputados de Madrid. Os noxentos ataques que nas últimas datas recibiu Anxo Quintana por parte dun sector da prensa de dereitas madrileña, non fan máis que reforzar este pensamento. O Vicepresidente da Xunta é un político a todas luces moderado e comprometido coa súa terra ao que se, os sectores duros do BNG, é decir a UPG, lle deixan traballar con liberdade, fará sen dúbida un gran labor a prol do noso País.
O PPdeG afronta as xerais coa lóxica preocupación do que poida supoñer para a súa formación unha nova derrota electoral. A perda incuestionable de poder do partido dirixido por Feijoo, o seu aislamento político por alinearse coas duras posicións de Génova, temas da extraordinaria gravedade como a inclusión non voluntaria de galegos nas listas ás municipáis de Euskadi e unha renovación un tanto sui generis polo seu “amadrileñamento”, fan que o recentemente proclamado candidato á Presidencia do Goberno español, Rajoy teña outro problema máis na súa terra que se sume as liortas dos seus xa potenciais sucesores, que expoñen sen ningún tipo de rubor as súas aspiracións ao “trono” dos polulares.
En definitiva, que temos ata maio un período máis de debate político de baixo nivel, no que os nosos políticos estarán máis preocupados polas súas teimas persoais que por resolver os nosos problemas, despois de todo a súa función básica. Algo terá que cambiar na política estatal, pero xa se sabe, como canta a gran Uxía Pedreira:
“É un debate sen limites, como fazer a perfeita revoluçom…”
¿Ou non?
Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).