Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Dous anos por estes Vieiros

11:03 20/05/2009

No ano 1996 o director de cine Cameron Crowe dirixía unha entretida, máis que boa, película titulada “Jerry Maguire” na cal nun mundo ultracompetitivo a un representante de deportistas éntralle un ataque de ética, escribe un memorandum co seu pensamento crítico coa maneira de actuar da súa empresa, e cando chega a ela a mañá seguinte, atópase con moitos compañeiros aplaudíndolle, mentres entre dentes comentan uns cos outros, “canto tempo pensas que lle queda a este na empresa?”, e o achegado dí, “dalle dous días”...

Pois dalgunha maneira é a historia recente da miña vida. Esta semana hai dous anos que comencei con esta columna, de forma modesta pero decidida, na que expoño as miñas inquedanzas e pensamento sobre o que acontece no  país, co ánimo de entreter ao lector, facerlle pensar,  e posibilitar o debate na rede, independentemente da posibilidade de ter lectores que compartan o meu pensamento sociopolítico, ou sexan críticos coa maneira de entender noso país. Militar dende hai xa anos nun partido político e ser crítico con el, non deixa de ser para algúns un contrasentido, e para outros un mero exercicio de liberdade. Gustaríame hoxe respostar a algunhas cuestións que con reiteración fan lectores de VIEIROS aos que dende xa agradezo o esforzo da lectura das miñas teimas.

Unha pregunta que fan vostedes con reiteración é se existe a posibilidade de ser galeguista e militar no PPdeG; miren vostedes, a cuestión plantexada ten lóxica, mais o que sí podo afirmar con rotundidade é que moita xente de profundo sentimento galeguista leva anos votando a esa formación; recoñezo que non son precisamente os mellores tempos para os que pensamos así, mais eu sempre lle lembro á dirección do partido, que non teño dúbidas de que o “plus” de votos que non son digamos “españolistas”, que lle deron con reiteración a maioría absoluta ao PPdeG, proveñen do centro dereita galeguista. No Congreso do PPdeG de fai uns días o Presidente Feijoo dicía que cando un é galeguista de verdade non presume porque ten claro que o é. Eu que dalgunha maneira me sentín aludido, dígolle que precisamente cando tes que deixar claro o teu compromiso galeguista é nos momentos nos que ves ameazado este sentimento. Se aplicamos a mesma “regra de tres”, eu podría dicir que non sería necesario situar con reiteración ao PPdeG no centro reformista, porque cando un “o ten claro”, non ten tampouco que presumir disto...

Sei que moitos escritos meus non gustaron no seo do PPdeG, e algunha entrevista tampouco; miren, a ventaxa é que cando non pretendes nada, cando non ansías postos e non estás pola labor de facerlle as beiras á actual dirección, sínteste en liberdade para expresar o que pensas sen medos a censuras e temores varios. Dito isto, teño que dicir que o respecto da dirección cara min convidándome a todo tipo de actos é impecable, e só podo ter palabras de agradecemento, dende a crítica política pero tamén dende o afecto persoal.

Outra cuestión que vostedes plantexan con reiteración, é a posibilidade da existencia dunha forza nacionalista de centro dereita en Galicia. Agradezo enormemente os achegamentos que me fixeron varias delas. Galicia necesita unha forza galeguista de centro dereita forte, con proxectos políticos claros, con medios financieiros sólidos que avalen esa proposta, e con líderes non viciados, que non veñan rebotados doutras formacións do país por teimas persoais mais que por compromiso político. Coñezo o suficiente o mundo da política como para neste momento da miña vida non ter pretensión algunha mais alá de expoñer o meu pensamento, e ao mesmo tempo expoñerme tamén a enfados, incomprensións e algunhas adhesións que agradezo. O futuro dirá por que derroteiros políticos vai camiñar un.

Agradezo a boa acollida en xeral da columna, respecto as críticas, calquera que sexa a intención, pois son parte do “xogo”, e prégolle desculpas hoxe a todos vostedes por falar en primeira persoa despois de dous anos,  reiterando que se VIEIROS o ten a ben, por estes lares estarei defendendo o que penso, pese a quen pese...

Ou non?

* Foi un orgullo participar na manifestación do día das Letras Galegas, rodeado de membros de Vieiros para en positivo defender a nosa cultura. Velaí estaremos sempre con modestia para comprometernos con Galicia.

4,64/5 (91 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións