Son consciente que a obxectividade falando de política non é máis que subxectividade de mente aberta. E tamén que entrar na morada allea, aínda que a boa fe estea polo medio, pode dar lugar á molestia dos seus propietarios. A pesares disto, quixera dar unha modesta opinión sobre o que está acontecendo no BNG, e máis concretamente na súa corrente autodefinida como socialdemócrata, +BNG.
Se os camiños do nacionalismo de esquerdas non queren deixar de ser congostras de complicado acceso, en troques de vías de alta capacidade polas que circulen unha inxente cantidade de mentes comprometidas con ese proxecto ao que algúns chaman Galiza, e outros chamamos Galicia con obxectivos finalmente comúns, algo ten que cambiar alí.
Tiven nestes tempos a oportunidade de falar por diferentes cuestións con varios referentes da corrente autoproclamada +BNG. Atopeime con persoas que na súa maior parte din partir de postulados socialdemócratas, abandonando posturas marxistas dificilmente asumibles nos tempos que corren, a pesares do evidente fracaso das políticas neoliberais que provocaron a fonda crise que padecemos. E sorprendido quedei ante as verbas de recoñecemento dalgúns deles ao histórico traballo da UPG en tempos nos que a marxinalidade evocaba futuros incertos de proxectos utópicos, fronte a esa lenda urbana que fala de fortes enfrontamentos entre renovadores e tradicionais. Mais estas xentes din partir de aspiracións dende o convencemento do paroxismo dalgúns postulados excesivamente dogmatizados que non deixan ver máis alá dun bosque construído dende o imaxinario da coherencia ideolóxica, pero que serve de fronteira para obxectivos de goberno nesta terra. A falla de recoñecemento das propias limitacións e a inexistencia de afán por superalas, condenan aos políticos ao seu ostracismo representativo, e o que é peor, á imposibilidade de contribución ao engrandecemento da nosa sociedade, fundamento final de todo aquel que pretenda representar ao seu pobo. O fabricar líderes artificiais é non coñecer ao pobo galego, de aí que a corrente renovadora encabezada por Aymerich e Táboas debe expoñer claramente cal é a súa alternativa, ante o complicado momento que pasa a organización, e as pésimas expectativas electorais cara os comicios locais, que con tristura cando non desacougo, auguran varios dirixentes “frentistas”. Despois destes comicios pode chegar a producirse a catarse, ás veces necesaria, para que o inmobilismo dos que non queren evolucionar, deixe de provocar estancamento.
O BNG que de sempre sufriu unha inxusta demonización dende algúns poderes fácticos, prestos a esnaquizar todo aquelo que non sexa submisión, se non parten dunha profunda análise do que é Galicia, pode seguir no autoengano de crer que o PPdeG non baixa nunca do 40% dos votos, porque “carrexa votantes”. Así pois atrapados no seu propio cadalso, algúns dirixentes poden caer no erro que outros cometeron de ser sempre fieis aos “aparats” que terminan rematando con eles, e as súas potenciais achegas á sociedade, quedar na marxinalidade do que puido ser e non foi, e do que debería ser, mais non o deixaron.
Existen pois os que non aspiran máis que a representación do 11% do electorado e viven felices nas barricadas dogmáticas do enfrontamento dende a oposición, e os que queren abrir as posibilidades do espectro ideolóxico para integrar máis elementos do diverso universo galeguista que temos na actualidade, que lonxe de restar, poden sumar cualitativamente, e porque non, tamén cuantitativamente. Dende posicionamentos respectables como “marxismo ou morte”, pódese estar no coherente, mais provoca imposibilidade de liderado desta terra.
Ou non?
Uns apuntamentos:
-A postura cambiante do PSdeG co tema das caixas, é un fraco favor a Galicia a ter en conta polo electorado.
-Pola contra, o acordo na materia da fusión das caixas galegas di moito a favor do Presidente Feijóo e do BNG, mirando máis os intereses de Galicia/Galiza, que as indicacións de Madrid, como algúns outros.
-Algún dirixente histórico do PP critica por detrás a miña actitude crítica co partido no tema da lingua. Só lle vou a dicir que eu nunca serei un traidor á nosa cultura, poderá afirmar el o mesmo en só uns días?
-Feliz aninovo aos lectores de Vieiros.
Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).