Xa lles teño relatado a miña aversión ás loitas cainitas que suceden nos partidos tras unha confrontación electoral con resultados non satisfactorios, e unha vez máis reitero o mesmo vendo a actitude que tanto algúns medios de comunicación como os propios compañeiros de partido -tu quoque fili mi-, teñen co aínda Presidente en funcións da Xunta, Emilio Pérez Touriño.
Partindo da base de que á clase política, como reflexo da propia sociedade, o único que lle gusta máis que construir heroes, é derribalos, paréceme unha falta de respecto absoluto o que está a acontecer co ex secretario xeral socialista galego, tentando trasmitir á sociedade unha imaxe distorsionada da súa personalidade, incluso despois dunhas eleccións a cara de can, nas que os poderes fácticos dos que sempre falo, e que teñen rostros –ás veces demasiado rostro- decidiron que xa non era necesario para comandar a nave galega.
Touriño estou seguro que dista de ser unha persoa obsesionada co luxo, e a boa vida de maneira irresponsable como algúns quixeron transmitir. Non tiven a oportunidade de conversar con el nunca, porque non se deron as circunstancias, aínda que sí nos saudamos algunha vez, e afirmo con rotundidade que na derrota non se está a ser xusto co Presidente en funcións galego. Dita derrota, evidentemente, ten unha dignidade que a vitoria non coñece –parafraseando a Borges- e Touriño foi máis que digno na súa. Sí debería analizar as causas polas que os galegos decidiron deixar de apoiar a súa formación, e exercer unha autocrítica necesaria como punto de partida dun novo proxecto dunha formación política tan necesaria para a sociedade, como sempre afirmo que é o PSdeG, a pesares da miña distancia ideolóxica sideral con eles.
Os mesmos compañeiros, rumoréase con forza, pedíronlle ao Presidente sainte a dimisión e a renuncia ao escano que en boa lide lle corresponde no Hórreo. Probablemente os mesmos que horas antes lle daban palmadiñas no lombo agardando o seu favor presidencial. Para un político galego estou seguro que non existe unha honrra maior que presidir esta terra. Polo mero feito de a ter liderado por desexo expreso dos galegos, Touriño sempre vai ter o meu modesto respecto de cidadán, mais debe comezar a respectarse primeiro a sí mesmo, e ao que representa e deixarse de dar lástima con declaracións extemporáneas sobre temas máis propios da contenda en campaña, que o único que fan é que estea ao abeiro do ridículo. As declaracións de Xosé Blanco sobre o resultado electoral en plan “macho alfa” socialista, deixando entrever que a culpa foi de Touriño e do BNG, son absolutamente demostrativas do que sucede en política cando cae en desgraza, e o que uns días atrás valía, agora haino que substituir por obsoleto, a pesares de que o teu sucesor (in pectore) designado prácticamente a dedo –a que me soa isto?- formase parte destacada do teu goberno e da estrutura de poder da túa formación política, como é o caso de Pachi Vázquez. E engádanlle vostedes o erro de afirmar á hora de confecionalas listas do seu partido comparándoos co Barça pola non necesidade de non facer ningún retoque cando algo funciona, mentres os que sí retocaron/renovaron, sairon finalmente vencedores.
Se o PSdeG chega a conclusión final cuantitativa de ter os mesmos escanos que a anterior lexislatura, e polo tanto, atribuir a responsabilidade da perda da Xunta ao BNG e non a eles, cometerán un erro pola falla de autocrítica que os pode levar a perpetuarse na oposición, mentres nos cuarteis xerais dos populares estou máis que seguro que a mente preclara de Pedro Puy xa terá analizado que se observamos o número de votos que subíu o PP, e engadimos os que perdeu no seu conxunto o bipartito, probablemente a Xunta a perderan máis uns, que a gañaran os outros.
Os medios de comunicación deben ter maior cabaleirosidade co Presidente e evitar mostrar fotos de ámbito privado no tempo de descanso ao que ten dereito, e deixar de incidir na categoría e as estrelas dos establecementos hoteleiros aos que con todo o dereito acode, porque a deformación da realidade, e polo tanto, a demagoxia, é impropia de quen debe informar sen xogar vantaxistamente a ser xuiz do que non lle corresponde.
E mentres Touriño chegado o momento renunciará ao seu escano e con toda dignidade pasará a formar parte do que ese tótem socialista, coñecido polo nome de Felipe González, chamaba “fermosos xerros chineses” en referencia aos ex presidentes, pois supónselles un alto valor, mais sempre molestan polo seu tamaño, e ao final non sabes onde colocalos.
Ou non…?
Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).