Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

De "picos e palas"

13:00 21/07/2008

Pois si, tiñamos enriba unha tremenda crise. Despois dunha campaña electoral mais baseada nos conceptos territoriais, nas descualificacións persoais e na idea de España que outra cousa, agora a realidade dos números di que pintan bastos.

Gran parte da campaña os dirixentes socialistas tanto a nivel do Estado como a nivel do país congratulábanse do repasiño que Solbes lle dera á fichaxe estrela do PP, Pizarro, mais a teimuda realidade amosou pouco tempo máis tarde que o diagnóstico do popular era moito máis axustado a dita realidade, que o que facía (outra cousa é que o crera) o vicepresidente económico. Ou ben Solbes enganou ao electorado, ou ten un nivel de inutilidade para o cargo moi preocupante nun posto da súa responsabilidade, o cal é moito peor. Por acción ou por omisión o que queda desautorizado no debate económico é o número dous do goberno.

Agora que os índices do paro repuntan e os máis optimistas falan dun 11% a finais de ano con 1.600.000 persoas máis facendo cola no INEM, eu propóñolle á administración a creación dun novo posto que sería o de "analista de previsións económicas sen formación", posto para o que non sería necesario nin a antiga E.X.B en vista de todos os retoques á baixa que dende xaneiro vimos sufrindo sen ningún tipo de vergoña, nin desculpas pola falla reiterada de calquera previsión de indicador económico. Quen fai estas previsións? ten realmente algún criterio? algún tipo de reproche polos erros? Xa saben, soliciten ese posto, que polo que se ve é o único no que se tes un erro tras outro o teu xefe non só non berra, senón que o considera normal.

Mais en serio, a cousa é grave. A crise, á que de feito nas altas esferas se lle chama xa co termo maldito "recesión", vai para longo. Zapatero di que España está máis que nunca preparada para afrontar a situación, quizais chegou o momento de facer un gran pacto de Estado ante a gravidade do que acontece do mesmo tenor que foron os "Pactos da Moncloa" en plena Transición, e que os intereses políticos queden á marxe ante a urxencia que comezan a ter moitos fogares galegos.

Coma sempre nos ciclos económicos baixos eludimos as mesmas responsabilidades sobre a situación económica que nos atribuímos nos ciclos económicos de crecemento. Pero chegou o momento de pedirlle seriedade e medidas efectivas aos nosos gobernantes. Dicía Reagan nos 80´ que "crise é cando o teu veciño perde o traballo, recesión cando un mesmo o perde, e recuperación cando o perda Carter (naquel momento presidente demócrata e o seu rival pola presidencia dos USA), podemos aplicar esta máxima cambiando a Carter por Zapatero, o que pasa é que vendo a alternativa do PP actual cun Rajoy que anuncia que se concentra en Sangenjo (sic) localidade que polo que me contan debe quedar case ao lado de Sanxenxo, para estudar a situación económica e a estratexia ante as eleccións galegas, -puros mediante-, danme gañas de encomendarme a Santiago Apóstol (e non son especialmente crente) e pedirlle que se dean as condicións para que en Galicia a poida liderar a outra metade do bipartito, e no Estado o Alcalde de Madrid, mais claro, xa meu avó dicía: "ten coidado co que desexas porque pódese chegar a cumprir…"

ou non?

4,29/5 (65 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións