Lembro perfectamente, aínda sendo un adolescente naquel momento, a agardada entrada de España na Europa comunitaria no ano1986; momento no que para moitos remataba a Transición, e os irmáns europeos abrían as portas do “paraíso” aos parentes pobres ibéricos, que sen dúbida, partían de posicións febles despois de sufrir senllas ditaduras militares, que felizmente remataran. Agora a situación mudou, e o que era ilusión, esperanza e plans de futuro, provoca desidia, perfectamente reflectida no nulo interese que se albisca cara a cita coas urnas do próximo domingo.
Un, que segue este tipo de citas electorais case de forma masoquista, atópase un día almorzando no bar favorito de Xosé Luis Sucasas, mentres na televisión falan da pegada de carteis que abre a campaña electoral das europeas, é dicir, nin me enterara... e dalgunha maneira é o reflexo do que estimula na sociedade esta cita. O centro de investigacións sociolóxicas tivo a ben ofrecer unha enquisa na que auguraba un “empate técnico” entre os dous principais partidos españois, cunha participación estimada do 80% da poboación, o cal provoca hilaridade, pois con toda seguridade non superará a soleira do 38-43%.
Mentres en Galiza nesta campaña o BNG semella estar desaparecido,- non sei se por ocultación dos medios de comunicacíon, por inacción, ou por desinterese-, tanto o PSOE como o PP centran as súas propostas en insultos e descualificacións cara o adversario, con temas tan demagóxicos como a utilización de avións do Estado por parte do Presidente do goberno , ou as execrables comparacións entre o aborto e a pederastia, asumidas polo cabeza de lista dos populares, do cardeal Cañizares, quen seguramente tivo unha das mellores oportunidades da súa vida para ter a boca calada. Este é o nivel da nosa clase política, e seguramente o que merecemos. Si é certo que as decisións tomadas no Parlamento europeo teñen gran calado posteriormente nas políticas dos seus membros, mais o que non se entende é o por que do envío a Bruxelas de políticos de volta de todo, ou amiguetes e achegados en busca dun retiro dourado, convertendo o que debería ser un espacio de debate de primeiro nivel, nun auténtico “cemiterio de elefantes” que fai tomar a decisión de absterse ao máis común dos mortais, mentres a algúns éncheselle a boca falando de Adenauer ou Shuman sen saber practicamente qué fixeron, e outros sofren ante a mediocridade do proposto por aqueles impostos.
Galicia si se xoga moito nestes comicios; a política pesqueira comunitaria e as súas decisións afectan a un sector estratéxico clave no noso país, ou o problema dos nosos estaleiros e o seu desmantelamento –para cando a posibilidade de facer obra civil neles-, ou mesmo a vergoñenta situación do noso sector productor de leite, que retrotráenos a tempos nos que o noso campo tiña explotacións marxinais, para mero sustento propio –cando era posible- e que agora están ao límite do soportable polo nosos gandeiros, véndose nas manifestacións escenas de homes curtidos chorando pola situación do seu mecanismo de sustento familiar que me fan lembrar aquela mítica foto de Manuel Ferrol que pon de triste actualidade a alarmante posibilidade dunha terceira migración dos nosos traballadores do campo cara outras terras que non son pola que loitaron arreo.
En resumo, complicada situación dos nosos sectores estratéxicos, sumado á pouca capacidade das persoas propostas pola actual clase política e á escasa motivación ante uns comicios máis importantes do que moitos poidan pensar.
Ou non...?
* Señor Presidente da Deputación de Pontevedra: como nos coñecemos e nos tratamos hai xa moitos anos, vaime permitir o atrevemento de citarlle un vello, fermoso e axeitado proverbio chinés que di: “Non despreces á serpe por non ter cornos, quizais algún día poida reencarnarse en dragón”, e eu engado “coidado cos de lingua bífida non vaia ser que a súa picadura sexa tamén politicamente mortal...”
Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).