No noso tempo os piratas dos que acotío oímos falar son os informáticos os coñecidos como “hackers”, mais nos mares que frecuentan moitos galegos aínda quedan dos outros, daqueles que falaban e contaban as súas fazañas Conrad, Marguerit, Dafoe ou máis recentemente a propia Zoé Valdés.
O impacto mediático que causou o secuestro e posteriores negociación e liberación do barco “Playa de Bakio” faime reflexionar sobre o heroísmo das xentes do mar, sometidas a duros traballos, a longas ausencias dos seres queridos, aos perigos constantes que o mar garda na súa esencia, á ingratitude en moitos casos das autoridades que terían que velar polos seus dereitos, á desesperación pola protección do seu medio de vida cando algún petroleiro decide deixar nas nosas costas o inferno particular que leva nas súas entrañas de ferro, os horarios intempestivos, as horas interminables, en definitiva a vida mesma dos heroes do mar.
Reflexionar tamén me fai a reacción da nosa clase política ante este tema. Algúns semellan estar máis pendentes de saber se o goberno ou o propio armador puxeron cartos para o rescate, como principal tema a debater nesta cuestión. Son consciente que podo caer na demagoxia dicindo que se ademáis do mal trago que pasou a tripulación, do “medo de non volver a ver as súas familias e a súa terra” (sic), das vexacións sufridas e non relatadas para o morbo dunha sociedade que devora todo aquelo que cause dor na alma das xentes de ben, ademáis diso é motivo de confrontación política, a un danlle ganas de facerse anarquista e berrar cara quen corresponda que esta sociedade está podre.
O Presidente do goberno estatal nun recente debate en televisión non quixo ser demasiado explícito sobre a cuestión do rescate, a Vicepresidenta dixo textualmente que “el gobierno hizo todo lo que debía hacer y nada de lo que no debía hacer”, e eu aplaudo ditas actitudes. Para mín é exactamente o mesmo que se pagase rescate ou non, que fose con fondos reservados que noutros tempos sufragaban orxías e outros “placeres”, ou que o armador puxera os cartos. O verdadeiramente importante é que oito traballadores galegos da mar xa están nas súas casa, coas súas xentes queridas e ningún procer vai amargarlles ese momento. Estos heroes xa están pensando en voltar a surcar o elemento que lles proporciona o medio de vida e do que non poden escapar…
Cando semella que todo o mundo vai á deriva, eles agarran forte o timón da dignidade.
Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).