Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

Despois do 25, vén o 26…

09:30 29/07/2009

Existe no imaxinario colectivo a sensación, a maioría das veces axeitada, do simbolismo de determinadas datas á hora de facer grandes declaracións de intencións sobre temas que abranguen á simboloxía do noso país como ente diferenciado, e da inacción posterior de todos aqueles que, só vintecatro horas antes, facían grandilocuentes proclamas ao respecto.

Este 25 de xullo non foi unha excepción. Un ten a sensación, despois dunha análise do acontecido, de vivir nunha terra absolutamente dividida entre forzas políticas que antepoñen o seu ego, e o seu interese electoral, antes que a súa obriga conceptual, que non é nin máis nin menos que defender os intereses do pobo galego. Teño unha percepción escoitando á xente na rúa –un exercicio que recomendo á nosa clase política- que o galego medio xeralmente vive nun “universo paralelo” ao dos seus dirixentes, aplica á lóxica dedutiva, e parte duns principios básicos que os partidos políticos non semellan querer asumir, non sei se por incapacidade, ou por outro tipo de razóns máis propias de persoas irresponsables que de representantes do pobo. Ten que existir un proxecto común de mínimos básicos que parta da sociedade civil, ante a falla de consenso dos partidos políticos –“Prolingua” vai tentar ser un deses movementos- . E como a todo o mundo nas datas do día da patria se lle enche a boca falando de Castelao, Estatuto, galeguismo –en tódalas súas vertentes- país, compromiso, reivindicación, e un largo etcétera que o resto do ano pasa a ser secundario en troques de formar a columna vertebral da nosa sociedade, algo teremos que falar disto.

Afirma o Presidente da Xunta no Xornal de Galicia –ultimamente semello un comercial desta publicación- que Castelao é patrimonio de tódolos galegos. Eu teño as miñas dúbidas. Castelao é, na miña modesta opinión, patrimonio de todos aqueles que conciben esta terra como unha realidade diferenciada do resto do Estado, orgullosa da súa cultura e da súa identidade como pobo, poñendo especial énfase na lingua. Eu non creo que Castelao poida considerarse patrimonio por exemplo de membros de Galicia Bilingüe, ou de aqueles que consideran a cultura galega como unha cuestión accesoria da cultura da “gran nación española”, ou teño as miñas dúbidas sobre algúns membros do PSdeG que a última semana da campaña electoral das galegas vendo que as enquisas viraban cara a beira da dereita, comezaron a falar de “imposición do galego” en clara referencia ao seu socio de goberno nacionalista. O PSdeG sendo o partido de máis tradición galeguista, seguramente a día de hoxe sexa o que menos o é, de aí que celebre sinceramente o paso ao fronte dado pola xente nova desa formación reivindicando posturas galeguistas nela, aos que lles desexo éxito, e receito un pouquiño de autocrítica. Tampouco penso que sexa Castelao patrimonio de radicais que busquen confrontación por sistema no tema da lingua dende o nacionalismo por interese político máis que por compromiso. Se eu fose a facer unha ofrenda a Castelao a Bonaval como representante do goberno galego, estaría perfectamente lexitimado para facela, pois represento a todo un pobo, guste a quen lle guste; mais se a ofrenda a fixera como representante dun partido político, pensaría primeiro se o rianxeiro se sentiría cómodo con dito acto, tendo en conta as políticas que defendo.

A simboloxía do 25 de xullo é patrimonio de moitos. Estou de acordo que é un día no que o termo “galeguismo” pode ser prostituído dalgún xeito, mais iso non devalúa o seu significado auténtico, mais ao contrario, abre aínda máis a fenda entre os que realmente o son, e os que xogan a selo, entre os que están realmente comprometidos coa concepción ideolóxica galeguista, e os que o están coas estratexia de mera captación de vontades públicas a reflectir nas urnas. Téñolles dito en reiteradas ocasións o meu aprecio persoal polo actual Presidente da Xunta, polo seu impecable comportamento persoal comigo; por esa razón, penso que son especialmente obxectivo cando o critico no momento que o escoito falar de galeguismo en termos de “paraugas elitista”, cando os que son evidentemente “pseudo-elitistas” son aqueles que atacan os principios que o galeguismo teima sexan comúns para todos dende o consenso, pretendendo impoñer a esta terra concepcións unívocas mais propias de pobos con problemas de identidade, que Galicia non ten. E para rematar, mostrar o meu acordo co Presidente galego cando afirma que o seu partido ten unha lexión de “galeguistas silenciosos”, porque o preocupante sería que algúns nesa formación –exclúo ao Presidente e miro cara a Vigo-, pensasen que o interesante sería que existisen “galeguistas silenciables” que co tempo pasasen a ser “galeguistas silenciados”, e por aí si que non paso.

Ou non?


Uns apuntamentos:

-Quén asesorou a Feijoo coa referencia feita ao irlandés Joyce e a súa utilización do inglés en troques do gaélico na súa obra? Teño que suscribir o dito por Mendez Ferrín ao respecto neste tema.

-Sigo pensando que o BNG equivócase ao criticar o acordo Xunta-Estado co tema do AVE. É unha moi boa nova.

-Crer as enquisas do CIS en función do que interesa a cada un, e non facer autocrítica aínda que sexan favorables, é un erro básico.

-Afirmar que Castelao non era nacionalista, é cando menos arriscado, por non dicir outra cousa...

4,67/5 (105 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións