Son dos que pensa que cando se chega a acordos entre distintas administracións, e máis cando estas son de cor política diferente, dignifícase a tan denostada as veces profesión política, e pódese contemplar como por riba das rivalidades entre partidos e administracións, poden existir momentos nos que o interese xeral prime sobre o interese partidario, e diso saian beneficiados os galegos, que ao final é o importante.
Alberto Núñez Feijoo e Xosé Blanco, a administración do país e a administración central chegaron por fin a un compromiso de prazos e financiamento para a chegada do AVE a Galicia. Dende esta columna saben vostedes que fun moi crítico coa anterior ministra de Fomento polo engano reiterado a este pobo – e por que no dicilo, á filial galega do seu partido tamén- sobre esta teima, poñendo en evidencia política ao presidente Touriño, cando estou seguro que falaba dende a convicción persoal da data do 2012, polos compromisos que a andaluza adquiría co seu goberno, mentres moitos estabamos convencidos da imposibilidade técnica de cumprilo. Blanco e Feijoo, Feijoo e Blanco escenifican o que é “política con maiúsculas” cun acordo exemplarizante. Neste caso non podo compartir nin comprender a actitude do BNG cando dí non crer na verosimilitude do acordo. Hai datas fixadas e orzamento definido, co cal será doado fiscalizar calquera incumprimento do acordado e denuncialo.
Sería bo a conformación dunha comisión mixta goberno galego-goberno central de seguimento dos acordos achegados que serva de control das obras e, ao mesmo tempo, poida resolver os atrancos tanto de índole técnica, como de índole política, lóxicos nunha infraestutura de enormes dimensións. Ben é certo que chegamos tarde coma sempre, e que unha vez máis os galegos estamos en desvantaxe con outros pobos do Estado Español nas posibilidades de competitividade que ofrecen aos nosos transportes e as nosas empresas unhas boas comunicacións. Xa chegamos hai anos a outro acordo de similares características entre administracións de diferente signo político no caso das autovías de conexión coa meseta, que rubricaron no seu día o ministro socialista Cosculluela, e o Presidente Fraga. Agora chega o momento de centrarse noutros problemas do país e sumar esforzos de forma exemplar como foi nesta ocasión, e non me doen prendas en recoñecelo, a pesares de ser unha persoa de espírito crítico e pouco dada a pasar a man polo lombo a ninguén. Parabéns ao Presidente galego e ao Ministro de Palas de Rei, porque un xa pensaba que a este ritmo teríamos que voltar a utilizar para algunhas cousas o corno dos castrexos...
Ou non?
Uns apuntamentos:
En que idioma negocian nun ministerio en Madrid un d' Os Peares e outro de Palas de Rei?
Escoitei o presidente estatal do PP dicir que non se gañan amigos pola vía de substitución e si pola de ampliación. Non vou facer ningún comentario.
Quen é potencialmente máis obxectivo nas súas opinións, un que non está nos órganos de dirección dun partido nin aspira a estar, ou un que está e aspira a que non o boten?
- Hai que agradecerlle a Camilo Nogueira 25 anos despois a súa iniciativa de traelos restos dun referente absoluto para calquera galego de ben, chamado Castelao.
Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).