Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MOVENDO O MUIÑO

A intelixencia política... ou non

09:02 03/09/2007

“Ninguén ama a súa Patria porque sexa grande, senón porque é súa”

SÉNECA.

Levamos máis dunha semana lendo e escoitando unha morea de comentarios provocados pola proposta do vicepresidente da Xunta Anxo Quintana, sobre a conveniencia e necesidade de ensinar o himno galego aos nosos cativos.

Un debate que sen dúbida non se produciría nun país medianamente serio, a non ser que este sexa Galicia, pois falar dela non ten cancelas e exemplos disto témolos tódolos días. Impensable en Euskadi ou Catalunya, onde a necesidade da aprendizaxe da súa lingua e símbolos, non é obxecto de debate polos seus políticos, senón que é unha cuestión que nin se propón por resultar evidente.

O ataque furibundo e desproporcionado á devandita proposta por parte dun xornal madrileño nun noxento e indocumentado artigo, sen firma dalgún xornalista, e con erros que reflicten unha supina ignorancia do noso País, provocou unha airada reacción de boa parte da sociedade galega, e tamén, como non, en contraposición, daqueles inimigos de todo aquilo que se afaste do dogmatismo centralista.

Sen dúbida é síntoma de intelixencia política o saber medir os tempos, pensar ben o que se di, e tamén, como non, do que un cala. As declaracións de Rajoy, non reflicten precisamente esa intelixencia política, máis ben ao contrario, nun líder dun partido que ten tras de sí perto de dez millóns de votos e que aspira a gobernar os designios do estado español.

Unha desafortunada frase: “non lle importa a ninguén” (perdón, mellor en castelán, que Rajoy o do galego non o leva moi ben -“no le importa a nadie”-) en referencia á aprendizaxe do himno galego, ademais de desafortunada, descualifica a un político que non fai moito mostrábase a favor de elaborar unha letra para o himno español, para que os deportistas o puideran cantar e non tararealo. No caso desa marcha militar que constitucionalmente é o himno español, non ten problema, pero o de Pondal considera que non ten relevancia a pesares da súa inclusión na Lei oficial de símbolos de Galicia, na que o seu partido tivo moito que ver.

Teño a inmensa fortuna de ser pai hai oito meses, e non só me parece axeitada a proposta de Quintana, senón que humildemente a apoio. Gustaríame que os nenos galegos nas galescolas, nos institutos ou onde reciban calquera tipo de formación, coñezan o himno de Pondal, a Historia de Galicia, que lles expliquen as nosas características como pobo, a riqueza inmensa dunha lingua e cultura propias, diferenciada, complementaria, nunca excluínte, e que lle transmitan o orgullo de ser galego e o porqué do amor a esta Terra. E ademais de todo iso a aprendizaxe fundamental do castelán e tamén do inglés, of course… e de todas aquelas ferramentas que necesiten para loitar nun mundo tan competitivo e sen escrúpulos.

Imaxe de radical perigoso
Dende Madrid intentan amosar unha imaxe de Quintana de radical perigoso polo simple feito de querer que os nosos cativos coñezan e sintan os nosos sinais de identidade. Poden estar tranquilos os oráculos madrileños, pois seguro que o Vicepresidente non pretende aplicarlle aos nosos nenos unha derivación da chamada “técnica de Ludovico”, que era á que sometían a Malcom McDowel en “A Laranxa Mecánica” de Kubrick, consistente no visionado permanente, sen posibilidade de pechar os ollos, daquilo co que estás obsesionado, ata que non o atures. Con toda seguridade non busca isto a proposta do de Allariz, aínda que polo que se le nalgún xornal, poida parecelo.

A fría resposta do Presidente da Xunta cualificando de “polémica estéril” este debate, sorprende, aínda que se analizas a relación entre os socios do bipartito e a orixe xacobina do PSOE, non tanto. O Presidente da Xunta éo de tódolos galegos sen excepción, e non pode permitir que se minusvalore desa noxenta forma un símbolo fundamental do noso País como é o himno galego, independentemente de quen faga as propostas, e de quen as critique, aínda que sexa por parte dun xornal dirixido por persoas de “moralidade contrastada” como Pedro J. Ramírez.

4,4/5 (119 votos)



Rafael Cuiña

Rafael Cuiña

Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).



Máis opinións