A confección dunhas listas electoráis, diante dun proceso político da trascendencia do que temos na nosa terra o vindeiro 1 de marzo, é unha engranaxe de tal complexidade que convén analizar polo miudo.
É unha época na que afloran os instintos máis baixos da clase política, que poderían poñer roibo a calquera cidadán ante o “cainismo” existente, o choque de egos, e as maniobras orquestrais-orquestradas na escuridade de xente disposta a “matar” políticamente a quen sexa con tal de acadar un lugar baixo o sol da Casona do Horreo.
Nunca se farán a gusto de todos, sempre provocarán proídos entre as diferentes familias políticas, e nalgún caso carecerán dunha necesaria e transparente democracia interna, que sirva de exemplo á sociedade, e que demostre que por riba dos intereses caciquís e persoais está o ánimo de ofrecer aos galegos un proxecto que ilusione, ao que se queiran sumar co seu voto polo convencemento de ser o mellor para o país.
As renovacións de caras nunhas listas electorais sen dúbida son boas e necesarias. Nesta terra algúns dirixentes levan demasiado tempo en determinados cargos, tanto institucionáis como dos seus propios partidos, que fan que en ocasións perdan o norte políticamente falando, que se afasten dos seus representados e que pensen que poden chegar a facer e desfacer ao seu antollo e interese dese momento, como se de semi-deuses se tratase. Eu modestamente propoño tamén unha renovación para estes casos, pero con liberdade das bases para elixir e por suposto dun xeito democrático (non sei se van vostedes entendéndome), tanto en alcaldías que case chegan a máis de dúas décadas, como en presidencias provinciais e outros órganos necesitados de novos tempos, novos rostros afastados de traizóns, rancores e outras miserias semellantes. Por que non seguir o modelo saxón de dous mandatos como máximo nun cargo?. Do que son xa menos partidario e da entrada dos chamados “paracaidistas” nas listas, non así nun posterior goberno que necesita outro perfil de xestor. Estos últimos acostuman ser xente que vai dun partido a outro asumindo aquel axioma de Groucho Marx que falaba dos seus princios, e de que se non gustan “teño outros”. E afirmo con modestia, que ese perfil nas candidaturas non é bo, porque cando fas ese tipo de renovación e o resultado electoral non é o axeitado, o “renovador” corre o serio risco de ter que ser renovado.
Ou non?
* O meu modesto recoñecemento á xente que deixa o Parlamento Galego da histórica militancia de Dolores Villarino, de indubidable compromiso co país no caso de Roberto Castro, e da inxustiza despois dun gran traballo tanto no grupo parlamentario como no Partido Popular, do meu bo amigo Alejandro Gómez.
Naceu en Lalín en 1972. Cursou estudos de Dereito e na actualidade é empresario neste municipio dezao. É membro da directiva do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos (IGEA).