Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Ideas ilegais, I.I

09:29 21/05/2009

George W. Bush e un tal Aznar (agora Rubalcaba) refundaron a dialéctica para a Nova Orde: ou estás connosco, ou estás co terrorismo. Parte da esquerda asumiu a súa linguaxe: “eu non estou co terrorismo, pero tampouco convosco”. Menos cándido, o Nobel Harold Pinter reclamaba pouco antes de morrer que os culpables do xenocidio iraquí fosen postos a disposición da xustiza internacional.

Se Pinter se chamase Alfonso Sastre e vivise en España sería condenado sen xuízo. A condena ditaríase con estas palabras: “vostede non pode presentarse ás eleccións”. E seguiría: “porque vostede, Harold Pinter, e quen o acompaña na lista electoral, son e non son, simultaneamente, cómplices dun grupo terrorista”.

Con urxencia o dramaturgo Alfonso Sastre (Premio Nobel de Literatura exiliado no Reino Unido) poñería en marcha unha reacción internacional de condena ao Réxime español por privar a H. Pinter dos seus dereitos civís sen que mediase acusación contra a súa persoa. O Nobel da Paz Adolfo Pérez Esquivel enviaría unha carta ao Presidente do goberno co rogo de que evitase “mutilar o dereito do pobo español á información e liberdade de expresión”.
Efectivamente, envioulla: está pasando, estalo vendo? Centos de intelectuais do mundo esixen a restauración dos minimos democráticos, preguntan por que ninguén impide candidaturas da ultradereita xenófoba, a que asasinou un rapaz en Vallecas. O número un ao Parlamento europeo da principal forza da oposición alaba o franquismo e queda impune. Está a pasar?

Iniciativa Internacionalista, textualmente, “aposta pola paz, pola actividade política e polo diálogo”. Sabémolo, e tamén que a Lei de Partidos (mesmo para constitucionalistas coma Herrero de Miñón ou Pérez-Royo) se promulgou en flagrante incoherencia co seu propio marco xurídico.

Hai a penas catro anos precisamente Jaime Mayor Oreja relacionou nun mitin as cabezas visibles de Nunca Máis con Batasuna. Parecía unha broma. Hoxe nin sequera temos noticia de se a esquerda institucional estará cos dereitos civís ou con quen persegue, retomo a cita de Pérez Esquivel, a súa mutilación.

Non, non cómpre agardar polo Tribunal Constitucional. Antes de que sexa tarde, sumémonos ao chamamento para que partidos, sindicatos, homes e mulleres da cultura, a sociedade toda, se sitúen ao lado de Ricardo Castro, de Xan Carballo e de Xosé Luís Méndez Ferrín. Tolerar hoxe a súa segregación da vida pública, a suspensión do dereito ao sufraxio, equivale a mover os marcos dun territorio que se agranda día a día. Tras desa nova fronteira viven xa os próximos sospeitosos de complicidade co terrorismo.

4,6/5 (48 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións