Chámaselle popularmente crispación a un método fundado en dous eixos que se complementan á hora de acabar co adversario político. O primeiro, cando se está no poder, consiste na abolición progresiva das liberdades civís invocando a existencia do terrorismo. A versión USA chámase Patriot Act; a versión española, que se prescribe nos inicios para Euskal Herria, coa colaboración do PSOE, vai diluíndo a separación que a democracia burguesa establecera entre o Executivo, o Lexislativo e o Xudicial.
O segundo eixo, máis apropiado no periodo de oposición, escolle técnicas publicitarias –consigna, repetición, espectáculo– para crear un ambiente social que brade pola Reconquista do poder. Propágase que toda decisión do goberno e toda reivindicación de calquera outro partido que contraríen a ideoloxía do Partido Único son indecentes, escandalosas, intolerables. O Partido Único da Oposición, metáfora do Estado único: España. Bandeiras ao vento, himno. Sonvos liberais.
A estratexia non se pode cualificar de bondadosa, pero alcanza momentos brillantes: a táctica do PP-FAES tras o masacre do 11-M figurará nos manuais acerca de cómo virar nos adversarios, en todos eles simultaneamente, a responsabilidade criminal dun Goberno. Así, onde as palabras clave eran guerra e mentira, o debate acabará xirando en torno ao termo conspiración. Onde debería haber acción coordinada para denunciar nos foros internacionais ao Presidente que mentiu para instigar un xenocidio e mentiu para exculparse dun grave atentado, o que temos na rúa son multitudes acusando ao PSOE, e ao nacionalismo vasco, e á esquerda, da morte de duascentas persoas.
P.S. A verdade é que ao nacionalismo galego case nin sequera Jiménez Losantos o acusa de nada. Feixó di que estaría diposto a pactar co BNG. Acebes non tardou en ratificar esa posibilidade. A moitas, aínda que non sexamos votantes de ningún dos dous partidos, gustaríanos que calquera deles asinase unha declaración que fixese imposible ese pacto.
Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.