O aniversario da refundación no BNG é tamén o cabodano das exequias dun proxecto de soberanía pensado desde a esquerda para este país. Por aquela altura, noutros foros, invocábase un partido político á medida da sempre feble burguesía nacional.
Moitas das correntes convidadas á asemblea de Riazor abandonaron o proceso. Dixeron que o teórico cambio de estratexia do Bloque, na realidade, consolidaba dúas renuncias que se habían manifestar a medio prazo. A primeira acabaría situando a autodeterminación na corda frouxa do horizonte -previamente se renunciara á independencia-. A segunda liquidaba a posibilidade dunha frente popular de esquerda onde coubesen tanto as formulacións clásicas –socialistas, comunistas, anarquistas- como os agromos alternativos que xa asomaban a cabeza por Europa.
Riazor puido converterse nun acordo entre todas ou case todas esas siglas (minorizadas hoxe debido ao seu silenciamento nos medios de comunicación; tamén polo teimudo sectarismo), pero desembocou nun “proxecto común” disposto a camuflarse para gañar poder institucional. Se alguén prognostica daquela que o recén estreado BNG sondaría vinte e cinco anos despois un pacto coa dereita franquista, mesmo os máis escépticos coa refundación mandaríano a un psicólogo.
Ningunha persoa que comparta os mínimos da civilización mira mal o éxito nas urnas do BNG. Son obvias as vantaxes a respecto do modelo Franqueira: a cultura dos cadros e sobre todo das bases do Bloque é indiscutiblemente progresista e está a anos luz da galeguización do entramado caciquil que se promovera desde Ourense.
Os agoiros cumpríronse
No entanto, os agoiros cumpríronse: á rapaza que cobra 500 euros nun hipermercado por xornadas de dez e doce horas, que non ten dereito, na práctica, á sindicación; aos novos emigrantes (uns con máster universitario, outras encofradores, electricistas, camareiras); aos ex-labregos e ex-mariñeiros que marchan á cidade para cobraren, se hai sorte, a súa cota de miseria –¿de verdade que debemos agradecer 210 euros en concepto de esmola pola precarización?-, a toda esa silenciosa maioría o da “defensa dos sectores produtivos” sóalles a música de cámara. Se había dúbidas, ao fondo está a foto de familia co empresariado catalán e vasco.
Quen moito enfeixa pouco ata, di o refrán. Mais o BNG insiste no funambulismo: entre a promoción dunha patronal galega e o sostemento dun sindicato de clase, entre a mobilización de Nunca Máis e a desmobilización contra Reganosa, entre a Cidade da Cultura e a ausencia dunha rede cultural. E Corrubedo, e Monteferro, e Quilmas, e o Courel, e a subvención millonaria ás empresas que monta a Igrexa católica.
Demóstrao o goberno de Cangas, non só coa brillante xestión urbanística a cargo de Mariano Abalo, e advírteno miles de votos en Ferrol: hai vida á esquerda. O sentido común, o pacto estratéxico, a crítica das aventuras sectarias e a defensa das verdadeiras necesidades da maioría non son patrimonio da acomodación. Os cantos e alabanzas ao proceso de Riazor veñen nos mesmos xornais que bouran a diario naquilo que o BNG di representar.
Nestes vinte e cinco anos moitas persoas acabaron concluíndo que a libre decisión dun pobo sobre o seu futuro e a xustiza social son ideas completamente excéntricas. O que os pais planifican como estratexia, os fillos enténdeno como tradición. Despois sempre levan a culpa os rapaces.
Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.