Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

A estación abandonada

10:06 02/04/2009

Os camiños de ferro van perdendo estacións. Clausuran as menos rendibles e a poboación vella dos núcleos que se despoboan non chega para manter unha paraxe. Entre as que vai escalando a herba, no corazón do bosque (é difícil establecer se se trata dun bosque oceánico europeo ou americano, ou mesmo dunha suplantación virtual), esta que vos conto permanece en pé. Aparenta desolada.

A estación tivo un nome, despois outro e outro. Disque sufriu tantos cambios o cartel de benvida que o único en dar recitado a lista enteira é un tal Laudino. Agradezo moito a Lisa R., enxeñeira xubilada -das escasísimas enxeñeiras xubiladas que haberá no mundo- os dous correos onde me explica que a estación suspendera o servizo durante as dúas guerras. Acolleron nenas e nenos refuxiados e aproveitaron para os iniciar, lonxe do asubío terrorífico dos Messerschmitt, nos rudimentos da mecánica. Tamén da física; Lisa di que aínda pode ver as boquiñas abertas cando lles mostraban o paradoxo aquel da Relatividade (ao estacionar un tren e termos só como referencia o que agarda ao lado é imposible saber se recuamos nós ou avanza a outra máquina, sempre que non sexamos maquinistas, obviamente.) Do interludio de 1936 quedou a foto de varios cativos saudando un convoi que seica seguiu a raia do mar e acabou disolvéndose no Batallón Celta promovido pola CNT.

“A posguerra? Fame e namais”, conta Laudino, que traballou alí de factor autorizado tras un convenio que a patronal -alborexan os cincuenta- asina con rapidez. Viñan de derrotar o fascismo. “Estabamos polo menos cen, e conto as mulleres que alternaban muxir vacas e repoñer travesas, madia leva! Dixo un señor, abrigo Crombie, falaba algo polo erre, dinos: en el momento que nos conste cualquier contacto con la Unión Soviética cerramos todo.” Habería que discutir se cumpriu a promesa porque comezou en 1991 a redución de persoal e a supresión das liñas. “Fichaban mozos que disto nin idea, ao pouco largábanos, así. Non daba tempo nin a aprender como se chamaban”. Era unha furgoneta nocturna, case fantasmal, a que de cando en vez mudaba o nome da estación. As últimas veces simplemente arrincaron e tiraron a chapa metálica na vía morta.

Como se pode comprobar nun -xa daquela- obsoleto libro de rexistros, o derradeiro tren facturou cara a Seattle. Seattle, nada menos! Derónlle paso. Horas despois estalaba polo aire mentres ía chifrando sobre Pont d´Argenteuil, primeiro ano do século. Agora mesturan o caso en conspiracións e lendas urbanas coma a do Expreso do Túnel 20. Negan que caese ao río, douscentos metros abaixo de cachizas. “Din que integristas, integristasā€¦”. Laudino é escéptico. Pregunta onde vai logo a lista de falecidos. “E levaría piloto automático, haha!”, ri macabro antes de engulir o Sintrom cun vaso de leite.

Conserva detalles intactos: “canda a orde de peche ocuparon o local sindical cunha exposición sobre a Memoria. Os de Seguridade pedían carnés. Iso polo día, de noite viñan greas de mozos pincharse, meus pobriños, durmía dentro cada vez máis xente, cartóns ao chao. Os veteranos rosmaban, siā€¦ Nin chiaron coa conxelación salarial, nin coas sesenta e cinco horas. Votábanlle moito ao Partido do Progreso”.

Podería inventar que a conversa se desenvolveu no antigo bar da estación, ocos enferruxados no sitio dos cristais, guirlandas de arañeira, parafusos onde colgara a máquina do café. Pero non é certo. Falamos polo messenger, con cámara. Fixen de xornalista: “E que lles daban a cambio polo paquete de renuncias, señor Laudino?”. “Merda”, díxome.

4,16/5 (25 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións