Vieiros

Vieiros de meu Perfil


MONTE ALTO

Derrota, 1. A rúa cega

19:30 13/05/2008

Na súa sombra marxinal para o aire, e as augas e os ouriños. As rúas cegas, os fondos de saco, son unha estampa decadente. Coma a das árbores zoolóxicas truncadas que se debuxaban hai tempo: o dentes de sabre, o mamut. Coma as que se demoucan do bosque das linguas, Dolly Pentraeth, a derradeira muller que falou córnico no ano de 1777.

Ao cronista imperial prestaríalle a páxina de álbum onde unha soa avenida luminosa esmagase os carreiros dos pequenos países. O brazo político (e xornalístico) do artigo 8 da Constitución anda niso, e cobra por caricaturizar un proxecto republicano e socialista. O pobo galego é raro coma o lobo cerval, coma o gato meimón. Unha Idea que non leva a ningunha parte. Pasto da melancolía.

Resoa nos filmes da nosa nenez de canle única o berro do sheriff: “tirade as armas! Estades rodeados!”, berraba ponlle que Gary Cooper, home de orde. Na clásica de policías e ladróns, con luxo de variantes, ao malo dálle por dobrar á esquerda, onde adoita haber charqueiras, colectores de varredura, o final dunha escaleira de incendios e unha tapia. Alí espera o seu castigo.

A nós agóirannos un futuro á maneira desde que Faraldo lanzou aquel texto contra o poder colonial. Sóenche ser indíxenas, coma a Pardo Bazán vareando en Rosalía de Castro. Empéñanse en darnos aulas e dinnos: “sodes a imaxe do atraso”. Dinnos: “Estades rodeados! Convertédevos!”.

Dirección única
O feito de alguén xulgar o nacionalismo galego como se fose un todo non pode atribuírse a erro, senón a estratexia. Nin sequera o que se entendeu historicamente como nacionalismo de esquerdas resulta doado de someter hoxe a análise. O actual periodo é de transición e os debates transcorren en silencio, por veces nun preocupante silencio.

Mais si, a esquerda nacional debate e critica. Con frecuencia, en ocasións con estraña intensidade, critícase a si propia. As sucursais, ben mantidas, limítanse a buscar o enganche da locomotora madrileña. Xamais tiveron plan ningún para este país. Agora aceptan, non vos foi sen tempo, o programa de mínimos das Irmandades da Fala; se cadra en breve acaben asumindo o de Castelao. É unha esquerda nominalista, esnob, que desculpa as touradas, reivindica o dereito dos musulmáns a degolar un año e condena a nosa matanza do porco.

Non resulta fácil pensarnos como pobo desde unha perspectiva transformadora.  Nas grandes factorías de realidade domina a censura xustamente desa perspectiva, as outras poden sementar onde gusten. A Nosa Terra publica artigos de López Veiga e de Baltar Jr..
Cando se reclama democracia, xustiza social e o recoñecemento deste país, dous axentes nos levan con discreción a esa rúa cega. Ollan atrás para comprobar que non hai cámaras. Entón o policía malo refréganos a cara co artigo 8 da Constitución mentres o bo, chapurrando en dialecto, lembra a caída do muro de Berlín, a fortuna que gozamos como protexidos da Corte e o triunfo implacable da Cultura superior. Ole a mexos, claro.

4,54/5 (39 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Xabier Cordal

Xabier Cordal

Xabier Cordal Fustes naceu na Coruña en 1965. Exerce como profesor de Lingua e Literatura en Castro Ribeiras de Lea (Terra Chá). Publicou varios libros de poemas, tanto en solitario coma en grupo (con Ronseltz ou coas Redes Escarlata, colectivo do que forma parte actualmente). Colaborou co xornal Galicia Hoxe.



Máis opinións