Resulta rechamante que nun curto prazo de tempo (uns días) o termino "persoa" adquira relevante protagonismo en declaracións relacionadas coa crise económica e social actual.
Primeiro na encíclica de Benedicto XVI titulado "Caritas in Veritate" e, uns días despois, na declaración conxunta do G-8 cando di “comprometémonos a tratar a dimensión social da crise, colocando as persoas en primeiro lugar". Que queren dicir con iso?. En principio, parece que, desta vez, pensan en nós. Todos somos persoas Gabados sexan.
Como a declaración do G-8 é concisa, resulta difícil obter máis pistas. Recorremos pois á encíclica do Papa, moito máis extensa. Aí atopámonos con máis argumentación. Aínda que aproveita para reiterar a postura da Igrexa, tan coñecida, contra a "imposición" á poboación das políticas de control de natalidade -nada estraño, se entendemos que os anticonceptivos poñen en perigo o edificio da Igrexa católica ( e de outras) ao modificar a calidade do sexo como medio de reprodución para converterse, tamén, no medio para o gozo e o pracer -, formula a necesidade de instaurar "os principios tradicionais da ética social tales como a transparencia, a honestidade e a responsabilidade " e recomenda ao G-8 que teña en conta o valor ético das súas decisións ante a crise. Unha pena que non dea exemplo diso.
Xa fai algúns anos que Francis Fucuyama, un polítologo de orientación conservadora, reflexionaba sobre a necesidade de que en Estados Unidos se restablecese o costume de practicar a honestidade e a reciprocidade. Pero, Fukuyama, era un claro defensor do libre mercado aínda que percibise claros signos de decadencia moral e perigo de disolución da orde social.
A postura de Benedicto XVI sobre o mercado é máis ambigua aínda que non o cuestiona. Non hai que esquecer que durante a Idade Media a Igrexa católica era contraria ás prácticas de mercado que empezaban a exercerse nos burgos e, en especial, contra a incipiente banca, prohibindo actividades de empréstito con interese.
A caridade como solución ás desigualdades sociais.
Pero as solucións que propón - na encíclica- ás desigualdades sociais que produce o mercado, consisten fundamentalmente en apelar a certos valores éticos dos poderosos e ricos, promovendo a caridade das persoas cos demais, como principio de solidariedade. Así dende o punto de vista social, afirma que os sistemas de protección e previsión social nunca poderán alcanzar unha xustiza social verdadeira e que, ademais, as redes de seguridade social, na actualidade, estanse a reducir - cousa certa, por outro lado. Polo tanto, a caridade é o instrumento necesario para reducir as desigualdades. Aproveita a conxuntura e aspira a que a caridade adquira a relevancia que tivo antes do século XIX, cando o Estado tiña poucas máis funcións que as do mantemento da orde interna e o control das fronteiras.
A súa proposta axústase estupendamente nunha grande maioría de países (algúns presentes no G-8) que reducen os mecanismos de protección social. Revalidan a persoa á vez que reducen os dereitos de cidadanía. Caridade como alternativa á redución de dereitos dos cidadáns/ás. Apelase á ética das persoas, en particular, á dos ricos, sen cuestionar a distribución do poder na sociedade e sen modificar as estruturas que dan lugar a esas desigualdades.
Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.