Para uns inesperada para outros virtual, para a gran maioría un acontecemento que nos deixa atónitos, por incrible. ¿Acaso non nos convenceramos de que o sistema -capitalista- funcionaba ben?. Se, cos seus fallos -disfuncións- dirán algúns, pero cada día máis ricos. Ou iso criamos.
Seducidos por un consumo constante, en cambio permanente, de todo tipo de obxectos, que expresaban máis alá da nosa identidade social de clase, as preferencias individuais, buscando, como sinalou G. Lipovestsky (A felicidade paradoxal), unha soberanía individual capaz de abrir novos espazos de independencia persoal. Ordenadores, internet, o móbil, o vídeo, cámara dixital de fotografías, etc., despois coche, casa, pero, tamén, tecnoloxías para o corpo e o mantemento da saúde e sobretodo experimentar, sexa a través das drogas ou das viaxes (ou do parques temáticos) ou de novos produtos.
American way of live
O mítico estilo de vida americano con afán de expansión por todo o planeta en forma dun neoindividualismo no que cada un constrúe a súa identidade no espello do consumo. Pero este modo de vida esixe un poder adquisitivo discrecional e polo tanto, crédito que permita aos consumidores liberarse das necesidades básicas.
Dese crédito encárgase o sistema financeiro. Coma se dun castelo de naipes se tratase, unha crise que empezou cunha burbulla nos chalés de Florida e as Macmansiones de California esténdese por todo o mundo. Para ter unha idea da súa dimensión abonde citar que a débeda activa que foi obxecto de cualificación por parte das axencias de rating ascende a 40 billóns de dólares que representa 2/3 do PIB da economía mundial en 2007. Estas axencias están á marxe de calquera tipo de control ou fiscalización e se "sospeita" que elas mesmas asesoraban aos Bancos como presentar os seus produtos para obter unha alta cualificación. Unha grande cantidade de bonos emitidos contaminados foron realizados por Bancos de investimento dende entidades en paraísos fiscais. (unha oportunidade que se presenta agora para eliminalos).
Os diferentes gobernos do mundo, aínda sabendo a burbulla inmobiliaria que existía, preferiron manter o seu estatus quo esperando librarse diso e que lle tocase o seguinte: Lula da Silva, declaraba recentemente (La Vanguardia, 14/10/08) que "o verdadeiro problema é que a crise foi ocultada durante moito tempo". Que esa situación non se podería manter levou a que os máis espelidos pasasen a especular co petróleo e que aumentase o prezo ata os 150 dólares o barril, botándolle as culpas ao crecemento de China que, ao día de hoxe, segue consumindo o mesmo pero os prezos do barril de petróleo baixan a metade.
Entrementres, a débeda dos fogares cos emisores de tarxetas en boa parte do mundo seguiu aumentando, especialmente en EE.UU., onde en 2006 superaba xa varios anos de ingresos. Estas débedas de millóns de empregados/as e familias rematará por derrubar o sistema financeiro que se pretende salvar.
Será brutal e longo
Os gobernos alarmados por ter que xestionar unha crise da que pensaban ter sorte e poder librarse, recitan o que alguén chamou un novo mantra, “protexeranse os intereses dos contribuíntes" inxectando cantidades millonarias no sistema financeiro que, en moitos casos, aínda tratándose de nacionalizacións parciais, parécense máis ao que Reyes Mates denominou "socialismo para ricos" que, non obstante, segundo George Soros, non impedirá a recesión ou en palabras do Paul Kruman (novo Premio Nobel de Economía) a "caída económica será fea, brutal e longa. En realidade será moi longo".
Os datos de diversos indicadores que se van coñecendo falan de economías en recesión e crecemento do paro. As previsións de organismos como ao OIT (Organización Internacional do Traballo) estiman un crecemento de parados en 20 millóns para finais de 2009. O Banco Mundial corrixe os seus datos, falaban dun aumento de 100 millóns de pobres no mundo, agora falan de 400 millóns máis.
Roubo e impunidade
Moitos gobernos da UE vense obrigados para o próximo ano a formular uns presupostos cun nivel de déficit público superior ao establecido por la UE, rompendo o dogma da contención cun gasto público máis elástico. Pero, a Presidenta da Comunidade de Madrid coa desenvoltura que a caracteriza afirma (Publico, 24/10/08) que "a crise é consecuencia dun exceso de intervencionismo estatal", igual que Luis de Guindos, director de Lehman Brothers en España e ex Secretario de Estado de Economía co goberno de Aznar, que di "Non é un fallo de mercado, senón de Estado", mentres unha das afectadas por esa entidade, unha señora viúva, empregada como asistenta de fogar, perde os 21.000 € que tiña aforrados invertidos nun produto financeiro do que lle dixeron que era 100% seguro. A esta señora como a millóns de cidadáns e cidadás aplícaselle a lei de mercado pero aos responsables inxéctaselles millóns de euros (intervencionismo de Estado). Impunidade para uns. Tan arrogantes que nin o disimulan, como ese señor ou aqueles directivos de AIG que, despois de recibir diñeiro publico, dos contribuíntes, gastan 400.000 dólares, nunha festa nun hotel de Florida.
Un dos escasos economista que anticipou a crise financeira, Nouriel Roubini, profesor en Nova York, entre varias medidas, propón reducir a débeda dos fogares insolventes - non di como. Tamén suspender os dividendos dos accionistas dos bancos que deben de ser os primeiros en asumir as perdas. Ademais, potenciar o consumo comprando as hipotecas a prezo de desconto e refinanciala.
Aínda que as primeiras páxinas dos diarios se enchen de titulares sobre a crise económica non se produciu un debate social sobre ésta e sobre as medidas a adoptar nin se presiona os gobernos para que leven determinadas propostas aos foros internacionais. Mentres miramos para o ombligo da nosa felicidade individual (pensando que só se saqueaba ao terceiro mundo), espertaremos do noso sono cos petos baleiros nun roubo legal colectivo, que se traducirá nunha maior concentración de capital nunhas poucas mans.
O sistema seguirá a súa lóxica e aplicará a lei, tal como hoxe a aplica ao inmigrante Mov Ndiaye: condenado a oito meses de prisión por vender copias non autorizadas de CD, por pirateo. "A lei está para cumprila", reiterou Francisco Granados, Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Interior da Comunidade de Madrid... ¿Espertaremos a tempo do noso soño?
Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.