Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Éxodo xuvenil

09:45 08/08/2008

A nosa Comunidade recibe cada ano un bo número de inmigrantes, se ben dentro do conxunto de España somos unha das comunidades de menor afluencia, tanto se o medimos en valores absolutos como relativos. A grande maioría dos que veñen son persoas con escasa cualificación que esperan atopar aquí unha oportunidade de traballo.

Cada vez vanse facendo máis visibles nas nosas cidades e pobos e van cambiando o rostro urbano, facendo así crible a idea que se veu instalando entre nós de que deixamos de ser ese país de emigrantes que a historia de forma contundente e inequívoca deixou claro.

Sendo en boa medida certo, diversos datos veñen poñendo ao descuberto, facéndoo cada vez máis visible, outro aspecto da nosa realidade que relativiza esa idea e que non tendo a importancia cuantitativa que o fenómeno da emigración tivo entre nós, se a ten, ao menos cualitativamente e, ademais, con grande transcendencia para o futuro.

Cara a Madrid e Barcelona

Dende fai xa anos - polo tanto non é un efecto da crise económica que estamos a atravesar neste momento- o % de novos cualificados que se ven obrigados a emigrar dentro do conxunto total de cidadáns e cidadás que se van traballar fóra de Galicia, representa o 65% dos 20.000 que anualmente optan por saír, entre os anos 2001-2006 (Véxase La Voz de Galicia, 31 de xullo de 2008). Estamos a falar, pois, de novos que forman parte das xeracións mellor formadas. Éxodo de man de obra cualificada que se produce, principalmente, a Madrid e Barcelona. Atopan alí a oportunidade que aquí non teñen, ou maior expectativa.

Segundo datos da Encuesta Anual de Costes Laborais (INE), en 2007, o custo neto por traballador que tivo que pagar o empresario en España foi de 27.406 €; en Galicia, 4.000 € menos que a media (23.598,5 aquí) pero esta diferenza increméntase notablemente se comparamos o custo na nosa Comunidade con Barcelona e Madrid que chega ata os 10.000 € de diferenza, é dicir, ¡ sobre un 40% menos aquí ¡.

É necesario analizar qué outros factores poden influír para que se produza este éxodo, dando por suposto o salarial. É frecuente escoitar as queixas do alumnado en prácticas ou con bolsas de empresa de que, con regularidade, teñen que realizar labores rutineiros que non esixen cualificación e que nada teñen que ver coas tarefas propias polas cales se xustifica o o seu contrato en prácticas.

Cuestións de aprendizaxe, autorrealización ou expectativas poden ter a súa influencia. Ou simplemente buscan unha oportunidade que, como diría Marx, lles permita ser o menos hostís cara ao que fan, para selo menos cun mesmo.

En calquera caso atopámonos ante un fenómeno de extraordinaria importancia sobre o que haberemos de tomar a conciencia necesaria pois o que máis riqueza xera nunha sociedade, no presente e no futuro, é a súa capacidade para manter o seu capital humano.

4,5/5 (26 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións