Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Como se nada pasase

10:05 25/04/2009

O ex presidente Aznar volve esixir as mesmas medidas que o seu Partido demandaba a principios da crise económica dos anos 90 e que puxo en práctica parcialmente durante os seus oito anos de mandato, ao parecer, de xeito insuficiente aínda que durante catro anos gozase de maioría absoluta. Por algunha razón decidiu non se presentar a pesar de que, segundo el mesmo, deixou os seus "deberes" sen facer.

Resulta estremecedor escoitar as súas propostas para unha crise de dimensións extraordinarias, con billóns de dólares ou euros esfumados, practicamente ningún culpable e menos ningún responsable... e como -segundo Aznar- se deben abordar solucións á crise: flexibilizando o mercado laboral. Lamenta que Europa "prefira subsidiar" os parados en lugar de incentivalos a atopar traballo, é dicir, reivindica unha especia de workfare (obriga de traballar) sexan cales sexan as condicións do traballo e o salario, en definitiva, condicións de explotación e control propias do século XIX.

Este home presume, ademais, de ser un bo cristián e é amigo do Arcebispo Rouco Varela e o seu partido esta inscrito dentro dunha corrente ideolóxica que se autotitula "democraciacristiá". Debe, seguro, confundir a liberdade de espírito coa liberdade de mercado.

Como admirador de Thatcher e Blair podería preguntarlles que tal lles vai coa crise, xa que durante anos reduciron o Estado, baixaron os impostos, teñen menos regulacións, etc., e podería falar con outro simpatizante Robert Shapiro, director dunha empresa privada que asesora organizacións e gobernos, en particular, Estados Unidos, para que lle diga que hai outros factores - sen cuestionar nada do sistema actual- que teñen grande importancia no desenvolvemento económico. Aínda que non comparto a maior parte que di no seu libro "2020. Un novo paradigma", este asesor sinala como factores que teñen unha relación directa cun maior crecemento, o maior tempo de permanencia no sistema educativo e o menor índice de fracaso escolar, o maior investimento en novas tecnoloxías e sobretodo a aprendizaxe do seu uso, unha maior taxa de actividade feminina, a redución do tempo que esixe a burocracia para crear unha empresa, a innovación ou a capacidade para adaptar innovacións creadas por outros, novas formas de distribución e comercialización, novas formas de organización e dirección de empresas e un cambio na cultura empresarial.

¿Por que non reflexionar sobre algúns destes aspectos en lugar de centrar o tema nas condicións laborais?. Polo si ou polo non, convén dicir que a maior ou menor produtividade non ten que ver co maior ou menor número de horas traballadas. Por exemplo, en Francia, a produtividade é igual á de Estados Unidos, con bastantes menos horas de traballo (un 25%menos); no caso oposto está Xapón que ten os peores índices de productividad de todas as economías avanzadas e son os que traballan máis horas.

Eles saen cas mans limpas e a crise que a paguen os de sempre, os traballadores e traballadoras.

4,79/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións