Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

O poder sen límites...

09:19 06/02/2008

ou a democracia de Aguirre.

Habería que estudar en profundidade que é o que aconteceu en Madrid nos últimos anos. Como pasou de ser unha das principais cidades na loita contra o franquismo, cunha forte implantación da esquerda (do PSOE e de IU), cun sólido sindicalismo de clase, con fortes movementos sociais, feministas, ecoloxístas, de loita polos dereitos civís, etc., a converterse nun baluarte do PP neocon e modelo dun hipotético goberno do PP para España.

O caso do "Dr. Montes e o Hospital Severo Ochoa" que estivo estes días presente na prensa, é paradigmático da política do PP en Madrid . O ataque que sufriu o persoal dese hospital por parte do daquela Conselleiro de Sanidade, Manuel Lamela, con acusacións extraordinariamente graves, amplificadas pola COPE e outros medios de comunicación, significaron un linchamento moral do persoal así como a separación do servizo, acusados de sedar irregularmente a centos de pacientes causándolle a morte anticipadamente, acusacións das que foron liberados formalmente pola Audiencia Provincial de Madrid - non se proba que houbera mala praxe- pero que seguen mantendo os responsables do goberno da Comunidade . Non hai resarcimento á queima inquisitorial a que foron sometidos, nin rectificación nin reparación de Xustiza.

Razóns da montaxe
Detrás desta montaxe (con complicidade do Colexio de Médicos de Madrid-vinculado ao Opus Dei) está o perseverante obxectivo de privatización da sanidade pública nesa comunidade, creando desconfianza cara ao sistema público, inculpando un grupo de profesionais que se destacaban era pola súa defensa e compromiso cunha concepción de servizo público; obxectivo do PP que xa ensaiara con anterioridade noutras comunidades, con diversas formulas, como a aplicada aquí, coa creación das famosas Fundacións. Enormes potencialidades de negocio que se quere poñer en mans privadas.

A consecuencia inmediata dende que se inicia a persecución é que moitos pacientes deixaron de recibir a sedación necesaria para paliar axeitadamente a dor polo temor de moitos médicos á denuncia e á persecución política.

Non só crean unha tapadeira para avanzar nese "negocio" que supón a privatización da sanidade pública senón que, ademais, compracen ao Arcebispo Rouco, pois centos ou miles de enfermos que poderían ver paliado o seu sufrimento e dor, grazas a el poden alcanzar o favor divino e salvar as súas almas condenadas polo pecado orixinal, aínda que os enfermos non queiran e prefiran renunciar a tal masoquista gozo divino mediante a aplicación de coidados paliativos que a ciencia de hoxe nos proporciona.

Avanzar en lexislación
Para evitar que en momentos tan duros e delicados ninguén poida impoñernos as súas crenzas e teñamos que sufrir por elas, é necesario que se vaia articulando unha lexislación que permita máis autonomía e liberdade de decisión aos pacientes e enfermos. Afortunadamente, algúns pasos vanse dando neste sentido, timidamente, pero avanzando. Hai uns días publicouse o decreto 259/2007, de 13 de decembro (DOG,nº9, 14 de xaneiro de 2008) polo que se crea o Rexistro Galego sobre Instrucións Previas sobre Coidado e Tratamento de l se pode inscribir un documento de Declaracións Previas con indicacións sobre como se lle ha de tratar e coidar en casos extremos. Aínda que isto é algo que parece moi afastado da realidade - á xente de idade nova e ás veces non tan novo-, pode ser de grande utilidade a familiares e evitar que un sexa tratado segundo as crenzas particulares do médico ou persoal sanitario correspondente ou segundo as consignas políticas do momento. Lamentablemente, en Madrid, moitos han de estar sometidos - chegado o caso- á vontade doutros.

É esixible moral e politicamente unha reparación dos danos causados ao persoal sanitario, aos enfermos e ao propio sistema público de sanidade de Madrid e aínda que, a nós, galegos, non nos afecte directamente, temos que solidarizarnos con todos eles.

4,94/5 (18 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións