O presidente Núñez Feijóo anúncianos, hai uns días, o que por outro lado, anunciaba no seu programa político, o inicio de políticas de redución de impostos: "é necesario e valente baixar impostos en tempos de crise".
En tempos de crise e en tempos de bonanza, a dereita sempre o prometeu no seu programa. Cando gobernan e baixan os impostos, sabemos que afecta de xeito diferente a uns grupos sociais que a outros, como ese "alivio fiscal" que o Presidente de Portos de Galicia formulou hai uns días: rebaixas nas taxas portuarias que terán especial incidencia no sector naútico de recreo. Rebaixas de impostos que sempre dunha forma ou outra rematan beneficiando principalmente aos grupos máis privilexiados, aínda que neste caso sexa a un colectivo máis amplo.
Redución de recadación das arcas públicas - baixada de impostos que debe ser unha baza de peso para negociar o financiamento autonómico- para co tempo convencernos de que moitos servizos non se van poder seguir financiando como ata agora - por exemplo a educación e a sanidade- e formular no momento axeitado a necesidade de privatizar algunhas funcións e servizos.
Mentres tanto e en paralelo, hai uns días, a Fundación das Caixas de Aforro (FUNCAS), presenta un informe - realizado por expertos moi ben pagados aínda que non tanto como o que cobran os membros dos consellos de administración das Caixas de Aforro, incluíndo os nosos representantes políticos- que incita aos traballadores/ás recomendando unha ampliación na idade de xubilación ata os 70 anos; xusto proposto por entidades que levan anos prexubilando traballadores/as aos 55 anos. Non quedan aí, recomendan moitas máis cousas: aumentar os tipos do IVE e reducir o imposto de sociedades... Ben podían estes expertos ser algo máis orixinais nas súas formulacións e estudar outras alternativas que non teñan que pasar por castigar e explotar os de sempre.
Só falta que propoñan que aos 70 anos en lugar da xubilación, como conta Antonio Escohetado nos "Enemigos del Comercio “(2009), sucedía, na Grecia do século V e IV antes da era vulgar, aos escravos que eran vellos: entregábaselles ao trapeiro e se estaban enfermos mentres eran produtivos dábaselles a metade dos alimentos. ¡Así si que se reducía o gasto de seguridade social!. Aínda que, por outro lado, como tiñan a consideración de animais de labranza, dispoñían de "45 días ociosos ao ano (por festa ou chuvia) e trinta máis por metade de inverno". Con isto non ían estar de acordo moitos. ¿Verdade?
Quizais sexa debido a todos estes expertos que sempre nos están a anunciar o mesmo, que o informe do Banco Mundial "Indicadores mundiais de bo goberno", sitúe a España, dentro dos países da OCDE, no posto 43, en "control de corrupción" que "mide a capacidade dos gobernos para traballar en beneficio da comunidade e evitar que as elites económicas e os grupos de presión se aproveiten da proximidade ao poder"
Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.