Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

Laicismo líquido

19:15 10/07/2008

Aínda que a Constitución española de 1978 afirma que "ningunha confesión terá carácter estatal" e polo tanto presupón a separación entre as institucións do estado e as igrexas ou organizacións relixiosas. Os feitos poñen constantemente en dúbida a aplicación dese artigo 16 (parágrafo 3º), salvo que a "cooperación" á que se alude neste se entenda en termos de relación privilexiada coa Igrexa Católica.

Sorprende, non obstante, que un partido como o PSOE que presume de tradición laica, despois de 30 anos de aprobarse a Constitución, discuta nun Congreso de Partido o alcance que haberá de ter a separación entre as institucións do Estado e a Igrexa ( ou igrexas). Para concluír no relatorio aprobado co rexeitamento a pedir a revisión dos acordos da Santa Sé (acordos de orixe preconstitucional) en base, segundo declaracións de Ramón Jáuregui, coordinador desta, a que "ninguén pode esperar que un país cambie da noite á mañá" (El País, 6 de xullo de 2008) ou que se dea conta agora de que a "laicidade non ten constituída unha liturxia alternativa". Iso sí, traballarase, sen sobresaltos pola "desaparición progresiva de símbolos e liturxias relixiosas (como os crucifixos e a Biblia nas tomas de posesión e en edificios públicos" pero non "por imperativo legal" senón dependendo da evolución da sociedade española.

Éxito do Embaixador no Vaticano?
Será un éxito dende a distancia do Embaixador do Goberno no Vaticano que xa na súa recente visita á súa terra pedira publicamente que marcásemos a cruz da Igrexa na declaración da Renda?, ou trátase máis ben, como escribiu recentemente nun artigo Peces Barba do "temor reverencial a desgustar á Igrexa". Outra hipótese: terá que ver cos tempos difíciles que hai que afrontar esta lexislatura debido á crise económica (que está a producir de por si unha guerra semántica) e que non vai estar o forno para máis bolos?.

En todo caso, non ten algo de contraditorio a condescendencia dun Partido e un Goberno do PSOE cunha relixión tan patriarcal que foi un dos instrumentos históricos de dominación da muller, coas políticas de igualdad?.E coa permanencia dos símbolos da opresión cando non cos beneficios e recursos económicos para que faga máis eficazmente a contra a esas mesmas políticas?. E non o é, tamén, co mantemento de clases de relixión (católica) no ensino público?

Menor relevancia cultural

E vaise adquirindo unha relevancia cultural menor tal como pode deducirse de moitos datos, non só en relación á porcentaxe de ciudadáns e cidadás que se declaran católicos senón á porcentaxe dos que se declaran practicantes, que descenden ano tras ano, principalmente entre os mozos e mozas de 15 a 29 años, ata os ritos, en moitos dos cales séguese participando - unha gran maioría por motivos no relixiosos-, o das vodas civiles gana terreo ata o punto de que en 14 provincias superan xa as unións relixiosas (El Pais, 7 de xullo de 2008), porqué non se quere interpretar esa tendencia como unha demanda da sociedade para avanzar con claridade cara á secularización ou é que, como se apuntou nalguna ocasión, o problema está en que os ateos, agnósticos, deístas, relixiosos new age, etc, non están suficentemente organizados.

Sexa polo que sexa, o laicismo que se deriva do noso "Estado aconfesional" adopta ese carácter líquido que Z. Bauman pregoa da modernidade; a diferencia dos sólidos, os líquidos non conservan doadamente a súa forma, desprázanse con facilidade e o que importa neles é o tempo.

Chama a atención, non obstante, que nesta cuestión, non se fixaran no tan citado libro - meses antes das últimos eleccións xerais- de George Lakoff. Cando di, escribindo sobre a política Norteaméricana: "os candidatos liberais e progresistas tenden a guiarse polas enquisas e así deciden que teñen que facerse mais centristas, polo que xiran á dereita. Os conservadores non xiran nunca á esquerda e, sen embargo,¡ganan¡". Intentando contentar a todos córrese o risco de que parte do electorado que votou ao PSOE remate abandonando. E a Conferencia Episcopal e o Arcebispo Rouco á cabeza continuará buscando a confrontación e pedindo o voto para o PP.

4,95/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións