Vieiros

Vieiros de meu Perfil


A PONTE

A caída do tigre celta e as recomendacións de Jean- Claude Trichet

09:30 27/06/2009

O Presidente do Banco Central Europeo Jean-Claude Trichet realizou durante esta semana unha visita a España convidado polo Foro "Nova" Economía. Elegantemente vestido, sen ruborizarse o máis mínimo e coa sabedoría que caracteriza este tipo de personaxes, impartiu doutrina: reforma do mercado laboral, sistema demasiado proteccionista cos traballadores e caro para os empresarios, apoloxía do despedimento libro, etc. Entre o público, aplausos do ínclito Fernández Ordóñez, que se sentiu reconfortado espiritualmente e se mostrou totalmente de acordo.

O tigre que creou o FMI
Mandamentos para saír da crise sen explicación ningunha de por que e como se produciu. Mandamentos en forma de recomendacións que levan predicando dende hai décadas e que se seguiron en todos lados.  Vexamos algo sobre a explicación do éxito económico de Irlanda, como botón de mostra, que fai un importante asesor de organizacións e gobernos, Robert Shapiro (2009) -foi subsecretario de Comercio con Clinton. Segundo conta, en 1985, Irlanda tiña un déficit do 10% e foi advertida por FMI que fixo unha serie de recomendacións que as tomou "en serio" e grazas a elas reduciu os fondos para sanidade, educación (que creceran considerablemente os últimos anos), estradas, vivenda e agricultura.  O novo goberno de Fianan Fail ampliou aínda máis os recortes e estableceu un acordo entre sindicatos e empresas para limitar os aumentos salariais. Ademais, adoptou diversas medidas para atraer empresas americanas e británicas, conseguindo investimentos estranxeiros que chegaron ata os 500.000 millóns de dólares, o dobre do PIB do país. Iso foi froito de establecer un bo paquete de exencións fiscais cun imposto de sociedades do 12,5 e ningún imposto sobre o beneficio das exportacións, chegando a exportar o 85% do que fabricaba.

Alí instaláronse 7 das 10 empresas máis importantes do mundo das TIC, así como empresas farmacéuticas, fabricantes de material médico, etc. Tamén privatizou as telecomunicacións e incremento a inversións -iso si- en educación para crear unha forza laboral "cualificada e barata". Con estas receitas tan ben implementar conseguiron un crecemento anual do 6%, atraeron inmigración e conseguiron superávit.

O tigre de papel
Un dos problemas é que non incrementou a inversión I+D+i, estando á cola de Europa, nin creou empresas nacionais e pouco inverteu en infraestruturas. Coa crise o investimento estranxeiro afundiuse e converteuse no primeiro país da U.E en entrar en recesión e derrubouse un 7,5% no último trimestre do ano pasado.  Os principais bancos do país tiveron que ser intervidos.

Hoxe, Irlanda, é un exemplo da aplicación das políticas neoliberais. Cunha taxa de paro que chega case ao 18%, con enormes desigualdades e un estado de mínimos, con baixos niveis de protección social - aínda que todos saben falar inglés. Pero os gurús e os seus discípulos (moi ben pagados) seguen contándonos a mesma historia, a que lles convén, pregoando as mesmas receitas. Como dicía por entón, no século XIX, aquel reformista social, Robert Owen, "para triunfar nesta arte (o negocio), ensínase ás partes a desenvolver e fortalecer a súa capacidade para enganar".

4,88/5 (16 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Eduardo Rego

Eduardo Rego

Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.



Máis opinións