Se deixamos a un lado os conflictos que poidan aflorar ou activarse sobre as visións diferentes que a esquerda e a dereita manteñen nos seus sistemas de valores arredor de cuestións que xiran sobre a familia e os dereitos individuais, o novo goberno do Presidente Zapateiro plasmará nas súas políticas un novo discurso, abandonando o lema da "España plural" polo de "unidade na diversidade".
A parte de corrixir algúns erros de calibre cometidos no deseño do primeiro goberno desta lexislatura (Universidade separada de Educación, Políticas Sociais en Educación,...), a incorporación de máximos dirixentes do PSOE como Chaves e Blanco ao goberno pola necesidade de implementar unha nova estratexia que, elaborada con outra terminoloxía, rouba unha boa parte do discurso que a dereita vén mantendo en España dende tempo atrás.
O contexto que fai factible este cambio é a crise económica e social, na que o goberno de España recibe el só todos os golpes - independentemente de que se trate dunha crise global. Quere implicar ás autonomías e que se corresponsabilicen. Díxoo a Vicepresidenta De la Vega: "non hai colaboración institucional neste país", "hai que pasar dun estado reivindicativo a outro cooperativo".
Zapatero tamén incidiu niso: "todas as administracións deben remar na mesma dirección" ou, "hai que poñer por enriba de calquera interese o do servizo o cidadán". Para concluír que as tres prioridades do goberno son a dinamización económica, a cohesión territorial e social e a atención ao cidadán.
Para poder manter o rumbo elixido é necesario un PSOE disciplinado, sen conflitos internos - territoriais ou non-, como unha piña. Aí xogarán especialmente Blanco e Chaves (que terá que pechar o financiamento autonómico). E de aí, tamén, o interese de que en Galicia se produza o relevo de Touriño co mínimo debate posible e coando de secretario xeral o home designado de antemán - independentemente de que Blanco o substitúa no futuro.
A segunda cuestión é obter do PP a colaboración necesaria nalgúns temas fundamentais. Non é anecdótico que a primeira decisión de Blanco, como novo Ministro de Fomento, sexa reunirse coa Presidenta de Madrid, Esperanza Aguirre. A extensión da crise fará repensar ao PP a súa estratexia actual de permanente confrontación. Tanto a nivel territorial coma en Génova. Veremos ata qué punto as autonomías van aceptar o seu novo rol e levar a cabo medidas impopulares.
O factor clave do actual proceso político será a duración da crise. Aínda está por coñecer se todas as medidas que se adoptaron polos gobernos e polo G-20 van ter un efecto positivo en 2010. Se a crise se alonga - como é probable- e a situación social segue deteriorándose, xurdirán voces dende moitos ámbitos propoñendo un goberno de coalición PSOE-PP.
¿Cal será neste contexto o papel dos nacionalismos?. ¿ E dese páramo deserto á esquerda ao PSOE?. ¿Xurdirán alternativas sociais e políticas, capaces de crear un novo discurso, neste mundo en transición?
Eduardo Rego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1955). É profesor titular de Socioloxía na Universidade da Coruña, onde imparte a materia de Socioloxía Política.