Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
A petición da Fiscalía

Procesan tres dirixentes sindicais polos incidentes da folga do metal en Vigo

Os citados a declarar son representantes da CIG mais, segundo outras informacións, poderían tamén ser chamados outros dous de CCOO e un da UXT.

F.A.A. - 18:45 12/02/2008
Os traballadores manifestáronse polas rúas de Vigo en varias xornadas

Os traballadores manifestáronse polas rúas de Vigo en varias xornadas

Tres dirixentes da CIG: Antolín Alcántara (responsábel nacional de Negociación), Miguel Anxo Malvido (secretario nacional do Metal) e Víctor García (responsábel comarcal do Naval) foron citados a comparecer no Xulgado de Instrución número 1 en relación con algúns dos incidentes acontecidos durante a folga no sector do metal que tivo lugar en Vigo o pasado mes de maio.

Porén, segundo informa este martes o diario Faro de Vigo, tamén terían que comparecer o responsábel comarcal do Naval de CCOO, Ramón Sarmiento, o secretario comarcal do Metal deste mesmo sindicato, Emilio Docampo, e o homólogo deste último na UXT , Xosé Antonio Álvarez.

No entanto, tanto Sarmiento como Álvarez declararon a este xornal que non recibiran ningún tipo de notificación. Aínda así, o primeiro afirmou que de chegar esta non serían "os máis indicados para lle dicir á Fiscalía como ten que facer o seu traballo". "Eles fan o seu e nós facemos o noso", dixo.

Máis contundente foi o representante da UXT, ante a posibilidade de que se confirme esta información. "Parécenos unha auténtica carallada", sentenciou, e considerou que este tipo de actuación busca "demonizar aos sindicatos". "A parte empresarial foi a primeira que incumpriu a lei pero a esta non a implican", engadiu.

Neste mesma liña manifestouse Sarmiento: "No conflito había tres partes implicadas; coido que co paso do tempo traballadores, patronal e Administración conseguimos pechar as feridas que se puideron producir e unha actuación deste tipo podería volvelas abrir, e iso non está ben".

Indignación na CIG

Antolín Álcantara si confirmou que recibiran a citación hai días. Foi o responsábel nacional de Negociación da CIG o máis crítico coa Fiscalía, á que acusou de aplicar varas diferentes de medir.

"Xa que despois de sete meses actúa con tanto celo, podería aplicarse igualmente coa Policía, que durante a manifestación fixo unha carga brutal e sanguinaria -porque produciu feridos graves- contra os traballadores", dixo Alcántara.

Por último, considerou que "se hai sentido común, as dilixencias deberían ser arquivadas".


5/5 (5 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: