Vulcano e Barreras poderían ter chegado a un acordo para expulsaren a Nervión dos estaleiros de Vigo. Os sindicatos esperan que ASIME ratifique a decisión esta cuarta feira.
Os traballadores en folga polo conflito do naval en Vigo permanecen nos estaleiros, á espera de coñeceren o resultado das negociacións entre sindicatos e patronal na mañá desta cuarta feira.
Segundo publica o diario da cidade Faro de Vigo, Vulcano e Barreras poderían ter chegado a un acordo para a expulsar a empresa auxiliar Nervión da actividade dos estaleiros vigueses. Porén, a decisión debe ser ratificada pola Asociación de Industriais Metalúrxicos, ASIME. Os sindicatos agardan que a xuntanza deste mércores pola mañá serva para certificar un acordo definitivo.
Nervión, con 250 empregados, é unha das auxiliares que incumpre gravemente o convenio, xa que ningún dos seus traballadores ten contrato fixo.
Antidisturbios nas rúas
Por outra banda, as forzas de seguridade do Estado ocupan as rúas do centro de Vigo en previsión de que se produzan altercados como os acontecidos esta terza na Delegación de Traballo.
Ademais, os tres detidos na última xornada de mobilizacións en relación con este asunto foron postos en liberdade pola tarde. Os traballadores apresados non puideron ser asistidos polo avogado sindical, segundo informaron os sindicatos, xa que é obrigatorio que os apresados soliciten a súa comparecencia expresa, con nome e apelidos, do letrado, polo que lles foi asignado un de oficio.
Xa que logo, as centrais van repartir nos vindeiros días panfletos informativos entre os traballadores para advertirlles desta situación.