A asemblea de traballadores decidirá a primeira hora que tipo de mobilizacións van levar a cabo. Mentres, a patronal insiste en se negar a negociar.
A folga indefinida que os traballadores do naval vigués convocaron a pasada semana chega este martes á súa cuarta xornada, sen perspectivas de acordo entre a patronal e os sindicatos CIG, CCOO, UXT e CUT.
Unha vez máis, os empresarios mostraron este luns a súa negativa en se sentar a negociar cos representantes dos traballadores, malia seren convocados pola Administración. Mediante un comunicado enviado á Delegación de Traballo de Pontevedra, a Asociación de Industriais Metalúrxicos, ASIME, Instaelectra e mais os estaleiros manifestaron que "non hai materia negociable para a saída do conflito".
Ademais, aseguraron que a folga xa supuxo a rescisión de "polo menos catro contratos para a construción doutros tantos barcos, que darían traballo durante dous anos a medio millar de operarios". Dende os sindicatos rexeitan este tipo de presións e, en calquera caso, lamentan que os empresarios prefiran perder contratos de traballo antes que se sentar a negociar.
Tamén a Confederación de Empresarios de Pontevedra, CEP, mostrou o seu apoio a patronal do naval vigués mediante un comunicado difundido na tarde do luns. A CEP cualificou a folga de "desproporcionada" e de proxectar "unha mala imaxe de Vigo".