Sindicatos e patronal reuníronse durante toda a xornada do luns. Os primeiros denunciaron a actitude "chulesca" dos empresarios na xuntanza da mañá, tras "o clima de optimismo creado polos medios" durante a fin de semana.
Os traballadores do sector naval de Vigo volvéronse manifestar este luns polas rúas da cidade, provocando importantes cortes de tráfico e o bloqueo dos accesos á fábrica de Citroën. Ademais, durante vinte minutos concentráronse fronte ao hotel NH da rúa García Barbón, onde o líder do Partido Popular español, Mariano Rajoy, mantiña un acto electoral coa alcaldesa da cidade, Corina Porro.
Malia os avances da xuntanza do pasado sábado entre sindicatos e patronal, a negociación volve estar estancada, segundo denuncian as centrais presentes na mesa de diálogo, pola actitude "chulesca" coa que chegaron os empresarios á reunión da mañá do luns. Porén, durante a tarde, segundo confirmaron fontes sindicais, o diálogo volveuse encauzar.
Garantía de cumprimento
Os axentes sociais, CIG, CCOO, UXT, por unha banda, e a Asociación de Industriais Metalúrxicos, ASIME, discutiron dos puntos clave do documento unitario presentado polos sindicatos, que recolle as principais esixencias dos traballadores, baseado principalmente en que as empresas garantan o cumprimento do convenio colectivo. A patronal non o asegura.
Este estabelece que as auxiliares que non teñan un 45% dos empregados con contrato fixo deberán abandonar a actividade nos estaleiros vigueses, e os seus operarios ser recolocados noutras empresas do sector.
Xa que logo, segue activa a ameaza dunha folga xeral en toda a actividade metalúrxica. CIG e CCOO presentaron ás 12.00 no rexistro da Xunta un escrito no que solicitan a estensión do paro. A UXT decidirá nunhas horas se secunda a proposta.
Este terá lugar o 21 e o 22 de maio. O primeiro día están chamados á folga todos os traballadores con convenio provincial do metal. O segundo, todos os operarios do metal que operan na bisbarra, aínda que teñan outro tipo de convenio. Neste último caso, estarían incluídos os empregados de Citroën.
Críticas a todas as forzas políticas
Por outra banda, os representantes sindicais criticaron duramente a todas as forzas políticas en campaña electoral, xa que ningunha fixo unha mención expresa ao conflito do naval en Vigo. Neste senso, o responsábel confederal da negociación colectiva da CIG, Antolín Alcántara, dixo que "ou se está cos traballadores ou se está cos empresarios, haise que definir".