ASIME escusou a súa ausencia da xuntanza da mañá alegando que os cortes no tráfico impediron aos seus representantes acceder ao centro de Vigo.
Os traballadores do naval de Vigo, en folga dende o 3 de maio, ocuparon na mañá desta terza feira a Delegación da Xunta na cidade, logo de que a patronal escusase a súa presencia na xuntanza prevista para a mañá.
A razón esgrimida polos membros da Asociación de Industriais Metalúrxicos, ASIME, foi a imposibilidade de chegar ao lugar da reunión debido aos cortes no tráfico provocados polos folguistas.
A autoestrada AP-9, dende a última saída da cidade, rexistrou retencións de até seis quilómetros, segundo informaron fontes da Garda Civil de Tráfico de Pontevedra.
Os traballadores en folga cortaron todos os accesos á Vigo procedentes da autoestrada, así como as entradas a Isaac Peral e á Avenida de Bos Aires. Ademais, tamén se rexistraron retencións na zona de Teis e de Beiramar.