O presidente de ASIME dixo que o acordo "que a patronal se viu obrigada a asinar é escandaloso".
A folga do sector naval en Vigo durou 18 días. Na foto o estaleiro de Barreras
Os empresarios do sector naval de Vigo acusaron esta cuarta feira os sindicatos de "prostituíren" a Axencia Bolsa de Emprego (ABE), pactada no convenio colectivo do sector metalúrxico. Ademais, prevén novos conflitos "a curto prazo" xa que, segundo manifestaron, vaise beneficiar a uns traballadores sobre outros, ao recolocalos de forma preferente.
Así o afirmou o presidente da Asociación de Industriais Metalúrxicos de Galicia, Asime, Xosé María Hidalgo, quen explicou que, tal e como se pactou cos sindicatos, os traballadores daquelas empresas que incumpran o convenio e que sexan expulsadas do sector serán recolocados de forma preferente por riba doutros operarios que estean inscritos na ABE.
Acordo "escandaloso"
Hidalgo explicou que esta medida converte en "vítimas" a unha parte dos traballadores. Neste senso, recoñeceu que o acordo "que a patronal se viu obrigada a asinar é escandaloso" e que as situación na que quedarán moitos dos traballadores do sector podería desembocar en novos conflitos "a curto prazo".
O presidente de Asime explicou que a asociación se poría en contacto con todos os delegados nas empresas para certificar que se cumpre o convenio colectivo e que, no caso contrario, el mesmo acudiría "persoalmente" ao xulgado a denuncialo, porque é o "primeiro interesado en que se cumpra a lei e que non haxa competencia desleal".
Hidalgo volveu denunciar que a folga se convocou pola "desconfianza" dos sindicatos, e culpou a estes de alongar as negociacións para xustificárense diante dos traballadores. "Asinouse o acordo porque se a folga se estende a todo o sector, sabían que non ían ter respaldo", apuntou.