Denuncian que o lugar concreto onde se van organizar os campionatos provinciais de caza de raposo se está a manter "no máis absoluto sixilo".
"Informamos aos residentes nas provincias de Pontevedra, Lugo e Ourense que o vindeiro sábado, día 12, hai un grande risco en saír ao monte debido a que, malia que a tempada de caza rematou oficialmente o pasado domingo, nese día vai haber un grande movemento de cazadores disparando, debido a que se celebran os campionatos provincias de caza de raposo nesas provincias".
O colectivo cívico Matar por matar, Non! enviou un comunicado aos medios de comunicación alertando do perigo -"maior" que noutras datas- de recibir un disparo, "debido á falsa crenza de que rematou a caza, así como a o feito de que a Federación Galega de Caza está a manter este acontecemento no mais absoluto sixilo en canto aos lugares concretos onde se vai celebrar".
Dende a plataforma afirman que tras deste feito están "o fracaso da Federación Galega de Caza", que no mes de febreiro de 2007 "asistiu a diversos debates tentando convencer á opinión pública dos seus argumentos para realizar estas matanzas"; e "a tentativa, inútil, de impedir que as asociacións ecoloxistas saiban do lugar da matanza e así non vaian protestar".
Por último, aconsellan que "quen desexe información para evitar riscos", se dirixa ás delegacións provinciais da Consellaría de Medio Ambiente ou á Federación Galega de Caza.