Unha ducia de asociacións xa anunciaron a súa presenza para trataren de boicotear unha cacería da Liga Popular de Caza do Raposo.
Imaxe dunha cacería / Foto: Federación Ecoloxista Galega
Unha ducia de asociacións ecoloxistas de Galiza, Cataluña, e mais de varias rexións do Estado Español acudirán este sábado ao Saviñao (Terra de Lemos) á protesta organizada pola plataforma Matar por matar, non, en protesta por unha nova cacería da Liga Popular de Caza do Raposo.
Están previstas dúas mobilizacións. A primeira comezará ás 10.00 horas, cunha concentración fronte á casa do concello, e continuará ao longo de toda a xornada de caza, cando os participantes se distribúan polo monte para espantar os raposos.
A segunda convocatoria será ás 13.00 horas, outra vez na praza do concello, desta volta para manifestárense contra este tipo de batidas, que as asociacións ecoloxistas consideran un excesoxa que aseguran "non hai nin de lonxe tantos raposos como din os cotos de caza" que as solicitan.
A deste sábado está organizada polo tecor do Saviñao, e é puntuábel para a Copa da Federación Galega de Caza.
Entre os colectivos que polo de agora amosaron o seu apoio están: Outeiro, Amigos da Terra, ADEGA, Libera, Partido Antitaurino Contra el Maltrato Animal (PACMA), Asociación para la Conservación y el Estudio del Lobo Ibérico (ASCEL), Fundación Altarriba, Ridiomoas, Equanimal, Sociedade Ecolóxica de Ornitoloxía (SEO), Colectivo Ecoloxista do Salnés (CES), ou Ecologistas de Extremadura.