A IV Copa de España de caza do Raposo vaise celebrar proximamente no Carballiño, inserida na "Festa da Caza". Adega denuncia a actitude pouco sensíbel das administracións municipal e autonómica con respecto á mantenza da biodiversidade. Remiten ao artigo 34- 3 da Lei 4/1997 do 25 de xuño de caza de Galicia, que prohíbe expresamente "cazar en tempo e lugares nos que, como consecuencia de incendios, epizootias, envelenamentos, inundacións, secas ou outras causas, os animais se ven privados dos seus hábitats e das súas facultades normais de defensa e obrigados a concentrarse en determinados lugares". A lei foi modificada pola Lei 6/2006 do 23 de outubro, pero non nese artigo. E a zona do Carballiño foi un dos focos principais dos incendios deste verán, "sen que Medio Ambiente dictase ningunha medida proteccionista de emerxencia". Adega pide que tanto o concello do Carballiño como a Consellería de Medio Ambiente deixen de apoiar e prohíban esta práctica.