Na parroquia de Botos nunha zona a 50 metros da estrada que une a capital do Deza con Pontevedra.
Segundo adiantou o Faro de Vigo na súa edición para a comarca do Deza, dous raposos apareceron pendurados dunha árbore na parroquia lalinense de Botos, e permaneceron no lugar até que esta quinta feira foron finalmente retirados.
Os veciños da zona alertaron da situación dos animais, que estaban nun avanzado estado de descomposición. A Consellaría de Medio Ambiente desprazou unha patrulla até a zona, situada a uns 50 metros da estrada que une Lalín con Pontevedra, e comunicoullo ás autoridades municipais xa que, chegados a este punto, son estas as encargadas da xestión dos 'residuos sólidos urbanos', segundo informou Medio Ambiente.
O departamento que dirixe Manuel Vázquez dixo ademais que non se vai levar a cabo ningún tipo de investigación dado que o raposo é unha especie cinexética actualmente en plena tempada de caza.
Rexeitamento da Federación Ecoloxista Galega
O coordinador da Federación Ecoloxista Galega (FEG), Tino Quintela, amosou a súa repulsa polo feito que, aínda que cualificou de "puntual" e de "anécdota" relacionou directamente con outros casos deste tipo acontecidos tamén en épocas de caza.
Así citou, por exemplo, o dos dous lobos que apareceron decapitados hai aproximadamente un ano na mesma comarca, concretamente no concello de Agolada, ou o dun outro que agoniou até a morte preso nun cepo.