Veciños e Comunidade de Montes denuncian tamén fortes explosións provocadas polos adestramentos no campo de tiro.
Un tras doutro, os veciños de Salcedo (Pontevedra), denuncian o que consideran “continuados atropelos no monte”. Despois das súas manifestacións contra a ampliación da franxa da base militar da Brilat, das súas protestas exixindo a devolución do monte veciñal e defendendo o seu dereito a transitar libremente sen ser vítimas de agresións, agora rebélanse contra os atentados que está a sufrir o seu patrimonio cultural.
Primeiro unha mámoa, agora un conxunto rupestre
Así o explica Ramón López Laxe, da Asociación de Veciños de Salcedo. “Nas obras que fixeron para habilitar unha pista a sumar a estrada que une a base coa aldea afgana, foron explanando e todo o escombro que lles foi sobrando botárono sen máis sobre os petroglifos”, asegura. Este conxunto rupestre, que recibe o nome do Regato dos Buratos, está catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC) e está considerado como “un dos máis importantes da comarca de Pontevedra”.
Ademais de facer escavacións a menos de 50 metros dos petroglifos (cando o perímetro de protección obrigado é de 200), cando remataron os traballos, e á vista das consecuencias que tiveron sobre o conxunto rupestre, “non se lles ocorreu outra cousa que chorrealos para intentar deixalos limpos”. En consecuencia, ironiza López Laxe, “agora temos un monumento arqueolóxico branco branco”.
Esta última actuación vén a sumarse á desaparición da mámoa de Louredo, extremo que mesmo foi recoñecido por Patrimonio, segundo relatan os veciños. “Daquela foi a Xunta quen mandou paralizar os movementos de terras”, mais “semella que somos nós quen temos que estar pendentes de cada atropelo que faga a Brilat sobre o noso monte”, lamentan. Agora, a Comunidade de Montes e mais os veciños volveron presentar outra denuncia diante de Patrimonio, ademais de facer chegar as súas reclamacións ás consellarías de Medio Ambiente e Cultura.
Campos de tiro ao carón das casas
Doutra banda, os veciños de Salcedo tamén se están a mobilizar para denunciar a proximidade dos campos de tiro, onde os militares realizan as súas manobras, aos núcleos de poboación. López Laxe explica que esta infraestrutura está situada a uns 150 metros das vivendas e que, se ben “levan alí toda a vida”, nos últimos meses incrementáronse as prácticas de tiro na zona. “Hai días que escoitamos explosións até as sete da mañá”, explica ao tempo que subliña que as detonacións son “moi ruidosas”, tanto que mesmo “chegan a escoitarse na cidade de Pontevedra”.
O presidente da Comunidade de Montes, Fernando Pintos, incide en que “a lexislación non permite que un campo de adestramento militar estea tan próximo a un núcleo de poboación”. Pintos, quen esta semana tivo que facer fronte ao pago dunha multa de 800 euros por participar nunha concentración non autorizada en decembro de hai dous anos, lamenta a falta de resposta por parte das autoridades. Os veciños entenden que este tipo de sancións “só buscan meternos medo e que deixemos de protestar” e anuncian que manterán a súa loita.
Así, anuncian que a vindeira semana solicitarán novamente unha xuntanza co delegado da Xunta en Pontevedra, Xosé Manuel Cores Tourís, a quen lle pedirán respostas por parte da administración galega. A maiores, seguen agardando por outra reunión á que se comprometera na súa toma de posesión o novo xeneral xefe da Brilat, Xosé Antonio Alonso Miranda. “Non queren falar con nós”, lamenta López Laxe, “semella que o único que lles preocupa é esnaquizar o monte”.