Falamos co representante dos veciños que loitan por que as terras comunais da parroquia non sexan 'absorbidas' pola base militar de Figueirido.
Ao respecto da última protesta veciñal contra o perímetro de seguridade de 300 metros do cuartel da Brilat de Figueirido, o subdelegado do goberno español para as comarcas de Pontevedra, Delfín Fernández, cualificaba a actuación policial de "proporcionada" e a súa actitude "correcta en todo momento".
Fernández culpou dos altercados a "persoas que viven en Pontevedra, e non nas parroquias supostamente afectadas". "A bo entendedor poucas razóns", engadiu. Na mesma liña manifestouse o responsábel do Sindicato Unificado de Policía no noso país, Xosé Freire, que sinalou que en medio dos veciños afectados había "elementos contra sistema".
Non concorda con estas apreciacións o presidente da Asociación de Veciños de Salcedo (Vilaboa, Pontevedra) Heroes do Campo da Porta, Ramón López Laxe. Falamos con el.
Vieiros: O subdelegado do goberno defende a intervención policial, e fala de persoas que foron provocar...
R.L.L.: En absoluto. Os que provocaron foron os policías ou, mellor dito, os seus superiores que eran os que os mandaban, neste caso o subdelegado do goberno, que sabía que a mobilización estaba autorizada. A uns 300 metros de chegar ao punto acordado, apareceu un grupo de 40 policías e tropas que nos pararon porque dicían que non estaba autorizada a protesta. Iso é unha provocación. A xente síntese enganada. De feito cando comproban que a documentación está en regra, a xente tranquilízase...
E os "elementos contra sistema" que foron provocar?
Os independentistas din, pero nin independentistas, nin nada. O que pasa é que xa os teñen fichados e foron a por eles unha vez finalizou a manifestación e viñamos de volta. Non é que os defenda, porque outras veces é certo que arman lea e nalgunhas fotos saen co puño en alto, pero fixeron o que faría calquera outro veciño. O que buscan é amedrentar un pouco á xente, con multas e estas cousas. Os policías eran os que non paraban de provocar.
Que dicían?
Era máis cos xestos que de palabra. Con risas, empuxando a xente. Unha policía militar agrediu unha veciña, que xa lle puxo unha denuncia aínda que a xulgarán polo militar... E nós estamos pensando en poñer outra.
Como comezou todo este conflito?
O asunto é que en base a unha lei de 1978, o que era un cuartel de instrución de nivel 5 pasou a ser unha base de nivel 1. O que nós consideramos que é a base é a zona que está pechada, mais eles asumen que os terreos que hai arredor tamén o son. Son dous millóns e medio de metros cadrados que cedeu o Concello nos anos 60. Unha barbaridade! E agora queren coller ademais 300 metros máis de radio, co que se iría aos catro millóns. Ademais ocupan a zona de monte libre, onde os veciños collían estrume e leña e a comunidade de montes ten autorizado talas, e están a construír unha especie de aldeas ao carón das vivendas, sen respectar as áreas de servidume, as vías para acceder as propiedades.
Son pouco optimistas, non si?
O venres pasado prometérannos que ía vir o director xeral de Infraestruturas de Madrid, pero ao final mandáronos un político -subdirector do ministerio creo que era- que non sabía nin o que era Galiza nin a Galiza nunca viñera. Non entendía como podía haber mil fincas e camiños por alí en medio. Prometeunos que aínda que nos remitiría algunha información en 12 días, pero nin sequera tomou notas durante a visita...
E agora?
Hoxe mesmo pola mañá (por esta cuarta feira) chegaron 50 geos (axentes do Grupo Especial de Operacións da Policía Nacional) de León que xa non nos deixaron entrar nas nosas leiras. Fomos falar con eles, para evitar malentendidos, e dixéronnos que os mandaba o delegado de Goberno. E onte pola tarde (polo martes) catro veciños tiveron unha agarrada cuns militares que lles estaban a tirar fotos, para amedrentalos, non sabes? Iso non o poden facer! Así que, xa ves, en troques de nos defender... E o mesmo desamparo sentimos da Administración. Viñeron ver unhas mámoas e uns petroglifos, que saen nos mapas da Xunta, e dixeron que un igual podía ser... En Medio Rural din que como é o Exército non poden facer nada ... Tamén se falou co de Augas de Galicia, e nada. E aínda estamos a espera de que nos reciba o delegado do Goberno.