Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MARCHA EN PONTEVEDRA

Berro en Salcedo: "Non ás obras ilegais nos montes veciñais"

Dous milleiros de persoas mobilízanse nas proximidades da Brilat denunciando a afectación da franxa de seguridade sobre a propiedade dos veciños.

Redacción - 11:00 28/06/2009

"Contra as franxas de seguridade, a desfeita no medio ambiente e no patrimonio cultural, contra as obras ilegais no monte e contra a expansión da base militar". Así explica Ramón López Laxe, da Asociación de Veciños de Salcedo, os motivos que levaron aos aos manifestantes a marchar este domingo polo monte de Salcedo.

Paralización das obras
Esta mobilización coincide no tempo coa decisión da Consellaría de Cultura de solicitar á Defensa a suspensión dos traballos que se están a realizar na zona. En concerto, a Comisión Territorial do Patrimonio Histórico solicitou ao Ministerio de Defensa a suspensión das obras da Brilat nos montes de Muimenta-Salcedo, unhas actuacións que contemplan a recreación dunha aldea afgana. Esta petición fundaméntase na necesidade de levar a cabo unhas prospeccións arqueolóxicas que determinen se existen ou non restos arqueolóxicos neste punto.

"Pois claro que nese lugar existía unha mámoa, é xa unha cuestión que denunciamos hai tempo", di López Laxe. Con todo, subliña que, a estas alturas, "cos movementos de terras que fixeron, coas palas e orugas que meteron no terreo, pensamos que xa arrasaron con todo", polo que, "restos arqueolóxicos, de habelos, probabelmente xa desapareceron".

En calquera caso, a petición da Xunta obriga a paralizar temporalmente as obras, xa que entende que son actuacións que se realizan ademais no entorno duns petroglifos, bens catalogados no planeamento municipal do concello e, en consecuencia, integrantes do patrimonio cultural galego. Polo tanto, unha actuación como a que está a asumir Defensa require unha autorización previa da Consellaría de Cultura e Turismo que, a día de hoxe, non foi solicitada.

Ao respecto, os veciños lamentan a lentitude coa que actuou a administración: "as obras xa están consolidadas", explica Fernando Pintos, novo presidente da Comunidade de Montes: "semella que aquí hai dúas varas de medir, a lei que se aplica aos cidadáns e a outra".

Franxa de seguridade
Doutra banda, os veciños reiteran este domingo o seu rexeitamento a ampliación do perímetro de seguridade outros 300 metros dende o cuartel da Brilat de Figueirido. O cambio de presidencia dos comuneiros de Salcedo a comezos deste mes deu un novo xiro ás demandas veciñas. Ademais do contencioso presentado perante a xustiza pola cuestión desta franxa de seguridade, a Comunidade de Montes prevé presentar unha nova demanda reclamando a propiedade do monte comunal.

Así, Pintos subliña que as xestións deste colectivo se dirixirán agora á reclamación dos terreos cedidos á Denfensa en 1965. A este fin dirixen agora todos os seus esforzos: "estamos recabando toda a documentación e xa está todo en mans dos equipos xurídicos", explica López Laxe. Despois será a quenda de decidir en asemblea os pasos a seguir, mais a previsión é que a denuncia non se demore máis alá de setembro.

  • Podes ver imaxes da concentración na nosa Galería.


Ligazóns

5/5 (9 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vídeo explicativo das afeccións da franxa da Brilat (nonafranxa.tk)

Imaxe dos efectos que a construción dunha aldea afgana está a ter sobre o territorio
Imaxe dos efectos que a construción dunha aldea afgana está a ter sobre o territorio
As manifestacións e concentracións sucedéronse nos terreos próximos á Brilat
As manifestacións e concentracións sucedéronse nos terreos próximos á Brilat