O virus pasa doadamente de persoa a persoa. No Estado Español constatáronse 10 casos -dous en Galiza-, e unha das persoas afectadas non viaxara a México coma o resto.
Na noite desta cuarta feira a Organización Mundial da Saúde (OMS) elevou de nivel catro a cinco (sobre un máximo de seis) a prealerta ante o risco de que se produza unha pandemia mundial, ante o espallamento do virus H1N1, de orixe porcina.Un punto máis e a OMS dará a alerta de pandemia, "a primeira que se seguirá en directo", sinalou a directora da OMS, Margaret Chan, quen fixo persoalmente o anuncio.
O cambio de nivel débese a que se confirmou que este novo virus pasa facilmente de persoa a persoa, polo menos en dous países americanos: os EUA e México. Pero hai outro problema, a súa rápida propagación, cousa que se constatou esta cuarta feira no Estado Español, cando a ministra de Sanidade, Trinidad Jiménez, anunciaba a existencia de 10 casos confirmados -dous deles en Galiza-, destacando entre eles un que, por primeira vez, correspondía a unha persoa que non viaxara a México.
Outra información que pesou no momento de os responsábeis da OMS tomar a decisión, foi o feito de que xa houbo unha morte fóra de México: o Centro de Control de Doenzas de Atlanta (EUA) confirmou esta cuarta feira o falecemento dunha crianza de 23 meses nun hospital de Houston (Texas). Porén, as autoridades estadounidenses quixeron matizar o caso e resaltaron que este único falecido era, en realidade, un neno mexicano que estaba de visita no país.
O nivel de alerta cinco sobre seis é unha fase que non alcanzaron outras doenzas que preocuparon o mundo, como a gripe aviaria ou a neumonía asiática.
"Os países deben permanecer nun alto nivel de alerta"
"Os países deben permanecer nun alto nivel de alerta ante brotes inusuais de gripe e neumonía", advertiu tamén a directora da OMS, lembrando que, tras os casos de gripe aviaria, o organismo está máis preparado para combater este tipo de doenzas a nivel internacional. As medidas esenciais consisten en aumentar a vixilancia, detectar e tratar os casos con rapidez e controlar os contaxios nos centros de saúde, segundo dixo Chan. A responsábel da OMS tamén recomendou tomar precaucións a nivel individual, como estar alerta e evitar apertar as mans da xente ao saudar, ou dar apertas, así como non viaxar, aínda que reiterou que o organismo que dirixe non considera que sexa axeitado pechar as fronteiras. Chan tamén lembrou que non existe risco de infección ao inxerir carne de porco.