O presidente mexicano reapareceu para formular a súa petición, que coincide no tempo co peche dalgúns sectores da economía local, a causa da estendida gripe do porco.
O presidente mexicano, Felipe Calderón, reapareceu esta cuarta feira para pedirlle aos cidadáns que permanezan nas súas vivendas entre o 1 e el 5 de maio, coincidindo co peche parcial dalgúns sectores da economía local, a causa do estendido virus H1N1, de orixe porcina.
Calderón, que non aparecía en público dende o pasado domingo, lanzou unha mensaxe televisada ao país, para confirmar a paralización parcial do mesmo durante cinco días, a partir da vindeira sexta feira. O secretario xeral de Saúde, José Ángel Córdova, xa informara previamente da suspensión de actividades na administración pública, así como de traballos e servizos non esenciais. Esta medida, porén, non vai afectar a sectores básicos como a alimentación, o sanitario, as telecomunicacións ou a recollida do lixo, por exemplo.
Esta cuarta feira, o goberno mexicano deu tamén unha cifra de persoas falecidas, polo de agora, por causa do virus H1N1, un número que chega a oito. Ademais, sóubose que aumentou o número de persoas contaxiadas a 99, incluídas as oito finadas, e que hai outras 17 mortes "sospeitosas", pero das que aínda non se constatou a causa. Estes feitos sitúan en 176 os posíbeis falecementos por causa da gripe do porco no país americano.