Sanidade estuda o estado dunha moza ourensá que chegou esta semana dunha viaxe a México. Está illada nun hospital da cidade.
A Consellería de Sanidade estuda o segundo posíbel caso de gripe do porco en Galiza. A afectada é unha muller nova da zona de Ourense que regresou o luns dunha viaxe a México. A moza foi atendida no complexo hospitalario ourensán, onde se comprobou que presentaba síntomas gripais, polo que se ingresou nun cuarto de illamento.
A situación clínica da muller, segundo informa Sanidade, non é grave, e estase a vixiar de preto a súa evolución. É o segundo caso sospeitoso de gripe do porco no país, despois de que o luns se detectase outro nun veciño de Mos de mediana idade que pasara recentemente varios días en México. Aínda non se confirmou nin descartou se porta efectivamente o virus H1N1 de orixe porcina, mais espérase que se poida saber esta cuarta feira.
A moza ourensá achegouse ao hospital acompañada dun rapaz que viaxara con ela a México pero que non presentaba síntomas para ser considerado sospeitoso polo cadro médico. Por iso, seguindo o protocolo estabelecido, entregáronselle as recomendacións e informacións preventivas pertinentes. A muller xa está a recibir o tratamento antivírico recomendado pola OMS e polo Ministerio de Sanidade.