Un varón de Mos, que regresou dunha viaxe a México e que ten síntomas compatíbeis co proceso gripal, permanece hospitalizado en Vigo.
Un veciño de Tameiga (Mos) permanece hospitalizado con síntomas semellantes aos da gripe porcina. O home de mediana idade, que regresou hai poucos días dunha viaxe a México, está a ser atendido no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Segundo Europa Press, o afectado presentouse esta mesma mañá no centro de saúde de Mos con síntomas gripais.
Como medida de precaución, os responsábeis do centro de atención primaria decidiron precintar as instalacións e impedir o acceso de máis doentes. O protocolo fixo que se sometesen a exames todas as persoas que coincidiron con el no centro de saúde.
Dende a Consellaría de Sanidade confirmaron que o caso desta persoa está en fase de estudo. Logo de subliñar que “non reviste gravidade”, sinalaron que os resultados definitivos vanse coñecer nos vindeiros días.
Universitarios galegos en México
Por outra banda, segundo confirmaron os responsábeis de Relacións Internacionais das tres universidades do país, os 29 universitarios galegos que, grazas a convenios bilaterais, residen actualmente en México están "ben" de saúde e "localizados" e, en principio, continuarán alí polo de agora.